TURISMO

O Fórum Gastronómico abre as inscricións

30/01/2012 Xa é posible inscribirse no Fórum Gastronómico que terá lugar do 26 ao 28 de febreiro en Santiago. A través do portal web www.forumsantiago.com todos os profesionais, gourmets e interesados poden asegurar a súa praza nas distintas actividades da cita. O Fórum celebrarase no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia e converterase no escaparate para todo o sector agroalimentario galego e no punto de encontro enogastronómico profesional.

A entrada xeral ao recinto é de 5 euros o domingo, e a entrada profesional é de 15 euros o luns e o martes, xornadas cun cariz máis especializado. Con esa entrada accédese gratuitamente ao Auditorio, onde terán lugar sesións maxistrais a cargo de relatores de recoñecido prestixio, o que supón unha novidade en Galicia.

O prezo dos Obradoiros o domingo é de 3 euros e nas xornadas profesionais, luns e martes é de 20 euros. Os obradoiros son demostracións con límite de prazas con protagonismo para os mellores especialistas, con degustacións dos pratos. Trátase dun espazo reducido, próximo, que permite interactividade, A súa duración é dunha hora.

Na Aula Activa, outra novidade salientable en Santiago, o prezo será de 10 euros o luns e de 50 euros o resto de días. Son clases intensivas de cociña de tres horas de duración sobre unha temática especializada na que ata 20 asistentes poderán cociñar xunto ao mestre e probaren os seus pratos.

Fórum Doce
Unha das vertentes destacadas do Fórum Gastronómico é o Fórum Doce, o espazo que Fórum sempre dedicou aos especialistas de mundo doce. Cada tarde, na Sala Cunqueiro, pasteleiros e cociñeiros de sobremesas impartirán distintos obradoiros didácticos e participativos, sempre con degustación. Este ano o gran protagonista é o chocolate.

Cada sesión ten capacidade de 40 persoas. O domingo 26, os docentes serán Josep Maria Ribé (Profesor da Chocolate Academy) Callebaut e Jordi Farrés (Bcn Cookies, Barcelona) Embaixador de Callebaut.

O luns 27 os mestres serán Ramón Morató (Director da Chocolate Academy de España) Cacao Barry e Jordi Roca (O Celler de Can Roca, Girona) Embaixador Cacao Barry.

O martes 28 será a quenda de Rubén Álvarez (Profesor da Chocolate Academy) Chocovic e Javier Torres (Dos Cielos, Barcelona), Embaixador Chocovic.

Compartir: