TURISMO

A praza do Obradoiro acolle o venres un "atranque" do Entroido da Ulla

30/01/2012 A praza do Obradoiro acollerá o venres 3 de febreiro, ás 12:00 horas, un tradicional "Atranque" do "Entroido da Ulla – Xenerais da Ulla", como exemplo das múltiples actividades que terán lugar durante o mes de febreiro nos oito concellos onde esta festividade ten máis calado e que por primeira vez colaboran na súa promoción conxunta: Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

O Entroido da Ulla remonta as súa orixes a primeira metade do s. XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese século: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Así, os seus principais protagonistas son vistosas figuras que recrean estes momentos históricos, que neste caso serán interpretadas por veciños das parroquias de Aríns, Marrozos e O Eixo.

Os personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun "exército" de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón, acontecidos durante o ano.

Os Xenerais da Ulla chegarán dacabalo á praza do Obradoiro ás 12:00 horas para escenificar un "atranque" ou "alto". Irán disfrazados con vistosas vestimentas militares similares ás de aquela época, pero que ademais inclúen adornos carnavalescos, que locen tamén os cabalos. Unha vez no Obradoiro, as persoas que se atopen na praza, poderán ver como os Xenerais da Ulla manteñen un debate dialéctico por parellas para tratar temas de actualidade no ton de mofa característico das coplas do Entroido.

Compartir: