MOBILIDADE

O servizo de transporte urbano incorpora tres novas liñas, modifica outras oito e mellora o seu sistema de información

30/01/2012 O concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Albino Vázquez, presentou o novo sistema de información do transporte urbano e as modificacións nas liñas que se porán en marcha a partir do 6 de febreiro. Esta primeira fase de reestruturación suporá a creación de tres novas liñas e a modificación doutras oito.

A partir das directrices do Plan de Mobilidade e das enquisas realizadas entre os usuarios, a Concellería de Tráfico e Mobilidade apostou por estes cambios, nos que se busca unha "racionalización e eficiencia" do servizo e "adaptación ás necesidades do usuario", co fin de facer o sistema de transporte urbano o "máis sostible posible", en palabras de Albino Vázquez. Neste sentido, recordou que os usuarios demandan "máis puntualidade, máis frecuencias e máis información".

Co obxectivo de mellorar neste aspecto da información, emprendese unha campaña informativa en catro eixes: marquesiñas, autobuses, contacto directo cos usuarios e redes sociais. Así, todas as marquesiñas levarán novos paneis informativos cunha relación das liñas do transporte urbano e coa indicación a través dun mapa da situación da parada en cuestión e das liñas que pasan pola mesma.

Cada liña, unha cor
Unha das principais novidades é que a cada liña se lle outorga unha cor. Ademais, cada parada terá un número, respondendo a unha demanda formulada especialmente pola hostalería. Ademais, Albino Vázquez recordou a colocación en breve de dez novos paneis de información en tempo real e a intención de instalar algún máis ao longo de 2012.

Xa no autobús, colocaranse carteis informativos sobre os cambios nas liñas. Ademais, vanse colocar carteis adhesivos co itinerario da liña no interior de cada autobús.

Plano da rede de transporte urbano
O usuario poderá facer uso a partir de agora dun cómodo folleto pregable no que, ademais da relación de liñas e horarios, figura un plano co debuxo de todas as liñas –cada unha coa súa cor- e coa sinalización de todas as paradas, o que facilitará, por exemplo, os transbordos, ao coñecer todas as liñas que pasan por determinado punto. No plano tamén figuran puntos de interese como monumentos, hospitais, estacionamentos... O folleto tamén inclúe un código QR, que permitirá obter os percorridos unha vez baixada a correspondente aplicación móbil.

Este labor informativo completarase con buzoneo naquelas partes da cidade afectadas polos principais cambios nas liñas. Finalmente, na busca dun contacto máis directo e inmediato cos usuarios, habilítanse páxinas en Facebook e en Twitter. Alí, os usuarios poderán facer as súas preguntas e deixar as súas queixas ou suxestións.

Cambios nas liñas
En canto aos cambios, a principal novidade son as tres novas liñas que se crean. A primeira é a 8: Tanatorio de Boisaca – Guadalupe – rúa da Senra – Vidán. Segundo explicou o concelleiro, esta liña pretende mellorar as relacións de mobilidade dos veciños de Vidán e suporá un aumento significativo nas frecuencias dos veciños de Guadalupe e Camiño dos Vilares.

Outra liña nova é a 9, que substitúe á C9: Casas Novas – Viso – Multiúsos – Cidade da Cultura. Intégrase así na rede de transporte a Cidade da Cultura, cun percorrido que abrangue os puntos máis importantes da cidade.

Tamén nova é a liña13: Belvís – Praza de Galicia – Xeneral Pardiñas. O obxectivo deste percorrido é que os veciños de Belvís conten cunha lanzadeira directa ao centro da cidade, mellorando tamén as frecuencias.

Ademais, prodúcense modificacións noutras oito liñas. A liña 1 (Polígono de Vite – Hospital Clínico) prolóngase ata Son (en substitución da liña P5), mentres que a liña 2 desaparece para refundirse coa 5 (Vite – A Rocha), que á súa vez aumenta as frecuencias.

Na liña 6 (San Marcos – Os Tilos) engádese un servizo a primeira hora da mañá e incorpórase a prolongación a Bando e Vilamaior. A liña 12 (Os Tilos – Hospitais) adapta o seu horario de mediodía aos traballadores dos complexos hospitalarios e C2 (Estación de Autobuses – Fontiñas – Hospitais – Estación de Autobuses) adecúa tamén os seus horarios. No caso da C4 (Estación de Autobuses – Vite – Hospitais – Estación de Autobuses) engádese un servizo de mañá e na C11 (Circular Fontiñas) elimínase a prolongación ata o Multiúsos de Sar de luns a venres laborables e sábados pola mañá, xa cuberta pola nova liña 9. Finalmente, a liña P1, con saída de Figueiras pasa a ter como fin a Estación de Autobuses (ata agora remataba en San Roque).

O concelleiro de Mobilidade indicou que esta é a primeira fase da remodelación do servizo de transporte urbano. Unha vez analizado o funcionamento destes cambios, porase en marcha unha segunda fase, que xa afectará ás liñas principais e que implicará, probablemente, actuacións viarias, semafóricas, etc. Ademais, incidiu en que estes cambios non son unha "foto fixa" e que o departamento está aberto a melloras que se poidan ir introducindo en función das necesidades e demandas dos veciños.

Compartir: