ALCALDÍA

O alcalde pídelle ao Apóstolo Santiago que infunda "esperanza" ás persoas sen emprego

30/12/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, realizou a tradicional Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago coa que se conmemora a translación dos seus restos. O delegado rexio demandoulle ao Santo que interceda para que os responsables políticos sexan eficaces na súa misión de propiciar o progreso socioeconómico dos cidadáns, cun especial recordo aos desempregados e a todos aqueles que pasan por dificultades.

Conde Roa comezou a súa alocución agradecendo ao Apóstolo a súa protección e implorándolle que "a manteñas no futuro, pero poñendo, agora, especial énfase na necesidade de ter esperanza, virtude que resulta de imprescindible exercicio no momento actual, como marco ético para enfrontar os graves problemas que aflixen ao mundo, en xeral, e a España en particular, onde tantas persoas se viron privadas da dignidade realizadora do traballo, e en consecuencia, do sustento cotián para eles e os seus".

Lembrando os sufrimentos da actualidade, remitiuse ás dificultades que no pasado teñen pasado "aqueles peregrinos que, ao longo dos séculos, tomaron a decisión de iniciar o Camiño de Santiago", tales como "a inexistencia de rutas, os perigos do camiño, o axexo dos asaltantes, as enfermidades e penalidades sen conto, a fame, o frío xélido ou a calor asfixiante".

Por iso apelou ao "espírito" daqueles homes e mulleres, porque "se a nosa sociedade está desorientada e rodeada de incertidumes, afrontemos o reto con decisión, valentía, ética e responsabilidade, e seguro que encontraremos respostas". Neste sentido, tamén lle pediu ao Apóstolo capacidade para "cumprir todos coa tarefa que se nos encomendou, que non nos arreden os perigos, o medo ao descoñecido, o valor para tomar decisións difíciles e que non nos asusten as penalidades que esta sociedade debe percorrer aínda ata alcanzar o esplendor pasado".

Eficacia no labor político
No contexto dese desexo universal, Xerardo Conde Roa pregoulle especialmente "por España e, dentro dela, por Galicia e Santiago, comunidade e cidade, estas últimas, privilexiadas polo feito de ser gardiás amorosas do teu sepulcro e memoria". Pediulle igualmente que ilumine "ás autoridades políticas, militares e relixiosas para que cumpran con eficacia a súa alta misión de propiciar o lícito progreso socioeconómico e espiritual das xentes que teñen encomendadas, especialmente os colectivos máis débiles: pobres, enfermos, emigrantes, a cuxo benestar se deben". Tampouco se esqueceu do "sufrimento das vítimas do terrorismo, que merecen para sempre o noso recordo emocionado e o noso cariño máis sincero".

Na súa homilía, o arcebispo compostelán, Julián Barrio, tamén tivo un recordo para os que o están pasando peor, ao sinalar que "é necesario avivar o compromiso polo ben común a favor, especialmente, dos necesitados". A palabra "solidariedade" estivo moi presente en varios momentos do seu discurso.

Nesta Ofrenda da Translación participaron, ademais do alcalde compostelán, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, os membros da Corporación municipal e os conselleiros do Goberno galego, ademais doutras autoridades civís e militares.

Antes da cerimonia relixiosa, o delegado rexio realizou o tradicional pase de revista ás tropas. A comitiva militar estaba integrada pola Banda de Guerra de la BRILAT , a Unidade de Música do Cuartel Xeral da Forza Loxística Operativa, a Bandeira do Rexemento "Isabel la Católica" nº 29 e unha compañía deste último Rexemento.

Ao remate da misa, as autoridades dirixíronse ao Pazo de Raxoi, onde o delegado rexio presidiu unha recepción con motivo desta celebración. Xerado Conde Roa pronunciou un breve discurso e asinou no Libro de Honra.

Unha tradición de séculos
A cerimonia da Translación celébrase anualmente o 30 de decembro en recordo do traslado dos restos do Apóstolo Santiago dende o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no peirao de Iria Flavia (Padrón). Segundo a tradición, a Raíña Lupa, soberana das terras, enviou tropas en persecución da comitiva apostólica, que foi salvada por un milagre que afogou aos perseguidores nas augas do río Tambre.

A Raíña Lupa quedou tan abraiada por este feito que ofreceu a súa axuda aos discípulos para que puideran soterrar os restos do Apóstolo, que son trasladados nun carro tirado por bois que ao azar buscan o lugar para o repouso do fillo de Zebedeo. Tras deterse (sempre segundo a lenda) na fonte da actual rúa do Franco, os bois continúan o seu camiño ata quedar inmóbiles no lugar que dende aquela se denomina Libredón (Liberum domum, regalo libre), onde é soterrado e pasa ao esquecemento o Apóstolo ata o seu posterior descubrimento no ano 813 por un eremita.

O rei Alfonso VI realizou no ano 1109 a primeira ofrenda da Translación, entregando unha ducia de talentos de ouro e outra de marcos de prata. En 1642, baixo o reinado de Felipe IV esta cerimonia institucionalízase con carácter definitivo. Dende entón actúa como oferente o Rei ou un delegado rexio.

Compartir: