PLENO

Unha ordenanza regulará a actividade publicitaria visible dende os espazos públicos

29/12/2011 O Pleno municipal aprobou inicialmente, cos votos favorables do grupo de Goberno e os non favorables de PSdeG-PSOE e BNG, o proxecto de ordenanza reguladora da publicidade e da rotulación en Santiago de Compostela. Esta normativa específica ten como obxectivo fixar medidas protectoras para ámbitos como o casco histórico e fomentar solucións innovadoras para outras partes da cidade.

A concelleira de Urbanismo, María Pardo, explicou as liñas básicas desta ordenanza que, segundo se indica na exposición de motivos da norma, ten como obxectivo "a regulación do lexítimo exercicio da actividade publicitaria visible dende os espazos públicos, de modo que esta se desenvolva dentro do respecto e mellora dos valores da paisaxe urbana, do medio ambiente, do patrimonio histórico-artístico e, en suma, da imaxe da cidade de Santiago".

En canto ao Casco Histórico, a ordenanza establece medidas protectoras, limitando a proliferación indiscriminada de instalacións publicitarias, controlando o seu número e unificando criterios mediante normalización e clasificación tipolóxica. Un exemplo destas medidas será a prohibición dos rótulos luminosos na zona histórica.

Noutras áreas da cidade apóstase por alternativas máis vangardistas e novas formas de publicidade. A ordenanza regulará o tipo de escaparates e rótulos que se poderán instalar en espazos públicos ou áreas comerciais.

Na súa intervención de peche do debate sobre esta materia, o alcalde xustificou esta ordenanza á vista do "deterioro da rotulación no Casco Histórico", o cal, dixo, "pode comprobar calquera que pasee polo mesmo". Ademais, indicou que o Goberno municipal será receptivo ás alegacións que tanto grupos políticos como cidadáns poidan presentar na fase de alegacións sempre que melloren o texto aprobado inicialmente.

Tarifas do Avant
Na mesma sesión ordinaria, aprobouse por unanimidade unha proposición, presentada polo BNG, para instar ao Ministerio de Fomento e ao ADIF a "revisar á baixa as tarifas do Avant no treito entre Santiago de Compostela e A Coruñas de media distancia, posto que o tempo empregado para realizar esa viaxe é semellante en ambos os dous casos". Tamén se lles solicita a elaboración dun "estudo de usos e frecuencias acorde coa demanda existente por parte dos usuarios e usuarias para facer máis rendible, efectivo e compatible este servizo, ofrecido de forma simultánea entre o tren de media distancia e o Avant en Galicia".

Esta moción recibiu un engadido do Partido Popular no sentido de remitirla a RENFE e non a ADIF, e de demandar a modalidade de billete de ida e volta cun desconto do 20%. Tamén se solicita a validez por seis meses dos bonos de viaxes e a coordinación dos enlaces ferroviarios co norte de España.

Cumio europeo
A proposta do Partido Popular e cos votos favorables destes e do PSdeG-PSOE e a abstención do BNG, aprobouse unha moción instando ao novo Goberno de España a "promover entre as autoridades da Unión a celebración dun cumio –sinaladamente dun Consello Europeo- na cidade de Santiago de Compostela, considerando o papel que esta cidade ten xogado na conformación dunha conciencia europea, e considerada así mesmo a acreditada capacidade da cidade para acoller as máis esixentes e sobranceiras visitas e encontros institucionais".

Na súa intervención, Paula Prado recordou que Santiago é "a cidade española que, como poucas ou como ningunha, representa ou simboliza o proceso de integración europea". A isto sumou que Compostela "ofrece un magnífico clima espiritual, cultural ou anímico para que Europa se atope a si mesma en tempos de incertidume e de desorientación". En consecuencia, apuntou, "Santiago ten, por suposto, unha sobrada e coñecidísima lexitimidade histórica para postularse como lugar de encontro dun cumio europeo".

Tamén defendeu a "recoñecida experiencia e capacidade da cidade para acoller visitas institucionais de altísima esixencia organizativa", lembrando a recente visita do Papa.

Comparecencia de Reyes Leis
A petición do BNG, a concelleira de Mercados, Reyes Leis, compareceu ante o Pleno para explicar o estado actual das negociacións en torno ao futuro do mercado de gando de Amio. Comezou a súa intervención facendo un relatorio da situación atopada, "con 300.000 euros de débeda, unha deficiencias que supoñen incurmprimentos da normativa europea valorados nuns 700.000 euros, un sistema obsoleto de taxas e un recinto infrautilizado".

Nestes intres, dixo, "ofrecéuselle aos gandeiros a posibilidade de que eles mesmos asuman a xestión do recinto e estamos agardando a súa resposta". Tamén indicou que se lles transmitiu a necesidade dunha flexibilidade en determinadas datas, que permita celebrar en Amio outros eventos beneficiosos para a cidade.

Compartir: