CULTURA

Dous novos valores da canteira de cantantes vascos no terceiro concerto do Todo Lírica

28/12/2011 Co Nadal chegou de novo Todo Lírica, un ecléctico ciclo de concertos creado no 2001 co nome de Festival de Zarzuela de Santiago, que segue habitualmente o formato de recitais de voz e piano, e que cada ano vén ampliando os seus contidos a outros xéneros musicais. O ciclo, que se celebra ata o 3 de xaneiro con catro concertos, continúa o xoves 29 co concerto "París: opereta, chanson e belcanto", no que poderemos escoitar dous novos valores da música vasca, a soprano Ainhoa Zuazua e a mezzosoprano Marifé Nogales. Estarán acompañadas ao piano polo tamén vasco Rubén Fernández Aguirre, ao que podemos definir como pianista residente do ciclo Todo Lírica. Será a partir das 21:00 horas no Teatro Principal.

O programa, que é unha pequena homenaxe a París comeza con Manuel García e Paulina Viardot (dous dos membros da musical familia dos García) antes de ofrecer unha variada selección de cancións e arias e dúos de ópera e opereta de compositores franceses de tan variados estilos como Delibes, Berlioz, Messager, Saint-Saëns, Offenbach e Fauré.

Ainhoa Zuazua, soprano, naceu en Ermua (Bizkaia), e comeza os seus estudos musicais aos seis anos. En 1999 ingresa na Escola Superior de Canto de Madrid e cursa estudos con Teresa Tourné e Rogelio Gavilanes. En 2002 supera as probas de acceso á Universität für Musik und Darstellendekunst de Viena (Austria) e, bolsada pola deputación de Bizkaia, recibe clases de Claudia Visca, Mathias Lademan, Didier von Orlowsky e Uwe Theimer, entre outros. No 2005 é seleccionada para integrar o estudio de ópera da Opera Nacional du Rhin de Estrasburgo. Recibe clases maxistrais de Victoria de los Ángeles, Patricia Wise, Françoise Pollet e Laurent Naouri, entre outros. Debuta na ópera no Schlosstheater Shönbrunn de Viena no papel de Laura en Der Bettlestudent de M. Millöcker.

Marifé Nogales, mezzosoprano, realiza os seus estudos de canto en Musikene (Centro Superior de Música do País Vasco) coa mezzosoprano Maite Arruabarrena. Actuou nos prestixiosos festivais internacionais de Granada, Peralada e Quincena Musical Donostiarra, e traballou baixo a batuta de importantes directores como Jesús López Cobos, Miquel Ortega, Friedrich Haider, Alberto Zedda, Lutz Köler, Eduardo López Banzo, Vasily Petrenko, Lionel Bringuer e José Ramón Encinar, entre outros. Debuta no Teatro Real de Madrid co papel de Zulma de L’italiana in Algeri. Destaca a súa participación na estrea absoluta da ópera A casa de Bernarda Alba, de Miquel Ortega, así como na estrea europea de L’isola disabitata, de Manuel García, nos Teatros Arriaga de Bilbao e da Maestranza de Sevilla, con dirección escénica de Emlio Sagi e musical ao piano de Rubén Fernández Aguirre. Gravou Emilia do Otello de Verdi baixo a dirección de Friedrich Haider.

Rubén Fernández-Aguirre, pianista, nace en Barakaldo (Vizcaya) en 1974. Realiza os seus estudos superiores de piano en Vitoria con Albert Nieto e de correpetición en Viena con David Lutz e Múnic con Donald Sulzen. Pianista moi demandado para recitais por cantantes de renome como Carlos Álvarez, Ainhoa Arteta, Nancy- Fabiola Herrera, José Manuel Zapata, Elena de la Merced e María Bayo, entre outros, tamén actuou con Mariella Devia, Cristina Gallardo-Domâs, Leontina Vaduva, Isabel Rey, Mariola Cantarero, Manuela Custer, etc. e cos bailaríns Ángel Corella e Igor Yebra. Actúa na maioría de festivais e teatros españois así como en importantes escenarios de Europa (Musikverein de Viena, Teatro de La Monnaie de Bruxelas, Festival Rossini de Pesaro, Slovenská Televízia de Bratislava), América (Carnegie Hall de Nova York, Auditorio Nacional del Sodre de Montevideo), Oriente Medio (Damasco) e África (Alxer).

Podemos definilo, como diciamos, coma o pianista residente do festival Todo Lírica de Santiago de Compostela. A súa traxectoria, tan rica, levouno no ano 2010 a recibir o premio Ópera Actual "pola súa dedicación á lírica e o crecente prestixio que está logrando neste campo".

Último concerto de Todo Lírica
Todo Lírica rematará o martes 3 de xaneiro con A fermosa de muiñeira, de Franz Schubert, co actor galego Quico Cadaval xunto ao barítono madrileño Gabriel Bermúdez e, de novo, o pianista bilbaíno Rubén Fernández Aguirre.

As entradas para cada concerto poden adquirirse a 8 euros no servizo de venda de entradas de Novagalicia Banco e na billeteira do Teatro Principal. E tamén está dispoñible un abono de 25 euros para os catro concertos.

Compartir: