TRÁFICO E MEDIO RURAL

O Concello coloca 17 sinais de tráfico para diminuír a perigosidade do punto negro da estrada de Son a Ponte Albar (Grixoa)

28/12/2011 Os concelleiros de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez, e de Medio Rural, Luis Bello, visitan o punto negro situado na estrada de Son a Ponte Albar no lugar de Marzo de Arriba (Grixoa). Alí colocáronse 17 sinais de tráfico, co obxecto de diminuír a velocidade coa que os vehículos toman unha curva deste tramo e reducir a perigosidade do mesmo.

"Tras reunirse o Comité de Mobilidade, entendemos que o problema deste punto negro é o exceso de velocidade", indicou Albino Vázquez, descartando problemas relacionados co estado do pavimento ou do peralte. Neste sentido, referiuse ao "exceso de confianza" á hora de afrontar a curva dalgúns condutores.

Por isto e respondendo á demanda veciñal dunha solución á alta sinistralidade dende hai anos deste tramo, optouse pola colocación de 17 sinais verticais. Por un lado, colocáronse indicadores en ambos sentidos advertindo aos condutores da presenza a 1.000 metros dun tramo de curvas perigosas. Por outro, instaláronse sinais reflectantes indicativas das curvas e da súa dirección. Tamén hai indicadores de limitación da velocidade no tramo a 50 km/h.

O edil de Tráfico apuntou que se descartara a colocación de bandas rugosas por ser un tramo de pendentes e supor estes saíntes "unha perda de adherencia". Estudarase agora a efectividade da medida, xa que, de persistir os accidentes nesta estrada, "teriamos que tomar medidas de máis envergadura, como a modificación do trazado", concluíu.

Compartir: