CULTURA

O Auditorio de Galicia inaugura a mostra do Sétimo Premio para novos artistas

30/11/2011 O Auditorio de Galicia inaugura esta tarde a exposición do Sétimo Premio para Novos Artistas Auditorio de Galicia no transcurso dun acto no que se farán públicos o nome do gañador e catro accésit deste ano. Participarán no mesmo o concelleiro de Cultura, Ángel Currás; o director-xerente do Auditorio, José Víctor Carou; o xurado do premio así como practicamente todos os artistas que foron seleccionados para amosar as súas obras nesta exposición, un total de 40. A mostra poderá verse ata o 4 de marzo.

Estes premios comezaron a celebrarse no ano 2001 nun momento en que os creadores do noso país tiñan escasas oportunidades de apoios económicos e institucionais que lle permitisen traballar nos seus proxectos. Asentados e moi queridos dentro do panorama artístico galego nesta edición estiveron dirixidos aos nados en Galicia e aos residentes menores de 40 anos a 31 de decembro de 2011. Tiveron que presentar unha obra orixinal e inédita e de entre todos os presentados o xurado elixiu 40 que son os que poderemos ver nesta exposición.

O premiado levará 6.500 euros mentres que os accésits, 1.500 euros cada un. Ademais, hai un Premio do Público que elixiran os visitantes da exposición e que está valorado en 1.200 euros.

O xurado de expertos, diferente en cada convocatoria, selecciona tanto as obras que forman parte da exposición e da publicación como os premios con dotación económica. Neste ano 2011 formaron parte do xurado: Isaac Díaz Pardo, artista e empresario; David Chao Castro, crítico e profesor de Historia da Arte, Facultade de Xeografía e Historia, USC; Silvia García, vicedecana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Agar Ledo Arias, Responsable de exposicións do Marco, Museo de Arte Contemporánea de Vigo; Miguel von Hafe, director Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC; e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.

Os artistas seleccionados nesta edición son: Hugo Aldatz Alonso / Fruela Alonso / Carlos Álvarez / Begoña Ante / Misha Bies Golas / María Blanco / Jacobo Bugarín* / Miriam Cartagena / Rosendo Cid / Marcos Covelo-M8K8 / Culture Workers / Manuel Eirís / Josetxu F. Cárcamo / Tamara Feijoo / Carla Fernández Andrade / Iván Ferreiro / Marta Fortes / Iván Franco / Lúa Gándara / Christian García Bello / Ignacio García Gómez del Valle / Lucía García Rey / Amaya González / Horacio González Diéguez / Enrique Lista / Noemí Lorenzo / Carlos Maciá / Jesús Madriñán / Joan Morera / Antía Moure / Álvaro Negro / Gemma Pardo / Lois Patiño / Cillas Seyde / Federico Vladimir Strate Pezdirc / Ismael Teira / Mauro Trastoy / Edu Valiña / Juan Varela / Verónica Vicente.

Compartir: