XUNTA DE GOBERNO

As interseccións da rúa República do Salvador con Xeneral Pardiñas e Doutor Teixeiro estarán reguladas por semáforos

28/11/2011 A Xunta de Goberno Local vén de aprobar esta medida na súa última sesión, medida que ten como obxectivo axudar a mellorar a circulación nunha zona sensible da cidade por mor da alta densidade de tráfico que rexistra.

Para levar a cabo a contratación do servizo de instalación semafórica, que ten un orzamento de 40.241, a concelleira de Facenda propuxo á Xunta de Goberno Local a aprobación dun crédito extraordinario. A posta en marcha dos semáforos farase o antes posible, por indicación da Concellería de Tráfico. Nesta mesma sesión aprobouse outro crédito de 80.000 euros para as entidades Fórum Gastronómico (70.000 euros) e Fundación Araguaney-Puente de Culturas (10.000 euros).

Subvencións
No relativo a subvencións, deuse conta da aprobación da documentación presentada en concepto de xustificación da totalidade da subvención nominativa concedida pola Deputación da Coruña para financiar o sostemento do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche durante o ano 2010, que ascendía a 233.045,84 €. Asímesmo, aprobouse o reparto da subvención concedida pola entidade provincial destinada a actividades educativas e culturais e infraestruturas e equipamento cultural. O importe da subvención distribúese da seguinte forma: para infraestruturas e equipamento cultural: 24.997,28 euros; para actividades educativas e culturais: 35.797,57 euros.

Nadal
De cara ao Nadal, a Xunta de Goberno adoptou dúas medidas: en primeiro lugar, aprobou a utilización das instalacións do CEIP Apóstolo Santiago para a realización do Programa URBANADAL, unha actividade de conciliación familiar encadrable dentro do Programa Municipal de Dinamización Social e Igualdade de Oportunidades da Iniciativa Comunitaria Urbana Santiago Norte. Este programa levarase a cabo os días 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e 2, 3, 4 e 5 de xaneiro en horario de 8 a 14:45 horas. Por outra banda, deuse o visto bo ao Concurso Cartel de Nadal 2011. Este Concurso está dirixido a todos os escolares de eduación infantil e primaria do municipio de Santiago, co obxeto de seleccionar o cartel que anuncia as festas de Nadal. O presuposto para esta proposta é de 2.765 €, distribuídos como segue: agasallos a escolares e colexios: 875 €; gratificación do xurado: 90 €; deseño, impresión, distribución e megafonía: 1.800 €.

Deportes, Comercio e Bombeiros
A proposta do concelleiro de Deportes, deuse conta á Xunta de Goberno Local da aprobación dunhas normas internas de uso das instalacións deportivas municipais tanto para os campos de fútbol como para os pavillóns polideportivos. Estas normas aprobáronse co obxeto de regular e organizar o uso destas instalacións debido ao gran número de usuarios que están a empregalas.

Na área de Comercio, aprobouse a resolución do Concurso Novas Ideas Empresariais Compostela Activa 2011. Concedéronse os seguintes premios que se entregarán nun acto público na primeira semana de decembro:
-Premio Novas ideas empresariais categoria xeral. 4.000 €.
-Premio Novas ideas empresariais promovidas por mulleres. 4.000 €.
-Premio Novas ideas empresariais promovidas pola xuventude. 4.000 €.
-Premio Novas ideas empresariais categoria Experiencia. 4.000 €.
-Premio Novas ideas empresariais Comercio e Turismo. 4.000 €.
-Premio Novas ideas empresariais Industria e Servizos. 4.000 €.

Por último, A XGL aprobou adxudicar á empresa Drafersafety o contrato para facer a revisión dos equipos de respiración autónomos, proba hidráulica do compresor e recarga de botellas de aire respirable do Servicio de Extinción de Incendios e Salvamento. O importe do contrato é de 16.158,85 €.

Compartir: