OBRAS E INFRAESTRUTURAS

A concelleira de Infraestruturas denuncia a existencia de obras executadas unha vez finalizado o orzamento previsto

31/10/2011 A edil de Obras e Infraestruturas, María Castelao, deu conta en rolda de prensa das novas irregularidades atopadas no seu departamento relativas ao contrato de reforzo do firme en vías municipais 2010.

En ocasións anteriores, María Castelao, xa fixera referencia á aparición dunha serie de facturas no seu departamento contratadas verbalmente polo anterior Goberno, así como doutra factura previa á tramitación mesma do contrato de reforzo do firme. Neste caso, e relacionado co mesmo contrato, a edil sinala a aparición de facturas relativas a obras que se fixeron unha vez que xa estaba rematado o orzamento previsto para o mesmo.

O contrato para a reparación do firme no viario municipal permite a realización de obras ata a finalización do crédito previsto, rematado o cal non se poden contratar novas obras. María Castelao denuncia que o anterior goberno empregou a figura da "liquidación", que normalmente permite solventar pequenos desaxustes entre o proxecto e a obra final, para contratar obras novas por un importe total de 135.726,13 euros.

Entre as obras contratadas unha vez rematado o presuposto a concelleira salientou as realizadas nas rúas Pérez Constanti e López Ferreiro en maio de 2011, rúas que foran reurbanizadas con cargo ao Plan E pouco tempo antes e que aínda se atopaban en garantía. Tamén se incluíron melloras en Bando, nas rúas Moscova, Madrid, Bruselas, Berlín e Viena así como actuacións de aglomerado e rebacheo en zonas sen especificar.

A raíz destes asuntos, María Castelao, informou que se está levando a cabo unha revisión do contrato para analizar os prezos pagados xa que, sinalou a edil, tamén se atoparon con algún caso no que se estaba a pagar máis do estipulado no prego de condicións. Así mesmo, solicitará sendos infomes aos departamentos de Contratación e de Intervención para aclarar a situación e dirimir responsabilidades.

Compartir: