CULTURA

Cineuropa celebra o seu potenciado 25º aniversario

28/10/2011 O 9 de novembro Cineuropa levanta o telón da que vai ser a súa vixésimo quinta edición. Entre ese día e o 2 de decembro, o festival que organiza o Concello de Santiago, a través da Concellería de Cultura, e dirixe José Luis Losa ten preparada unha das programacións máis ambiciosas da súa historia, tanto polo esforzo no nivel do cine seleccionado –no que figura o máis sobresaínte dos certames internacionais celebrados ao longo do ano-, como por algunhas actividades especiais que acompañarán ás proxeccións para celebrar as vodas de prata do festival compostelán que atrae a atención dos cinéfilos de toda Galicia.

Na nómina de autores cuxas obras se poderán ver desde o 9 de novembro no Teatro Principal, un ano máis sede de Cineuropa que tamén se estenderá ao Salón Teatro, CGAC e sede da Fundación NovaCaixaGalicia, figuran os dos autores que acapararon premios e que foron foco de atención neste 2011: directores como Bela Tarr, con "O cabalo de Turín" (Oso de Prata en Berlín), Aki Kaurismaki, con "Le Havre" (Premio da Crítica en Cannes), Aleksandr Sokurov, con "Fausto" (León de Ouro en Venecia), Ken Loach, con "Route Irish"; Bertrand Bonello, con "L’Apollonide" ou Bruno Dumont e a súa controvertida "Hors Satan", serán só algúns dos que figuran nun amplo programa que, ademais estreará en España de xeito exclusivo o máis recente filme dirixido por Robert Redford, "The Conspirator".

Esta edición proxectará tamén algúns dos títulos estrela tanto do público como da crítica, entre eles, a comedia francesa "The Artist", triunfadora en Cannes, e a británica "Attack the block", considerada a mellor película de cine fantástico da temporada. O próximo venres, 4 de novembro, será presentado na súa integridade o programa do festival, así como os nomes dos galardoados este ano co Premio Cineuropa e as "sorpresas" que a organización ten preparadas para la celebración destes 25 anos do certame, convertido en referencia en Galicia tanto polo número de espectadores como pola relevancia internacional dos autores que presentan as súas películas nas diferentes seccións do festival.

Compartir: