MERCADOS

A Feira Medieval enche a cidade histórica de espectáculos de rúa e artesanía

30/09/2011 A concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, visitou a Feira Medieval, que se celebra do venres 30 de setembro ao domingo 2 de outubro en praza e rúas da Cidade Histórica. Os principais atractivos do evento son os espectáculos de rúa, incluídos espectáculos nocturnos onde o lume é o protagonista. Tamén hai múltiples obradoiros de oficios e diferentes exposicións temáticas.

Os postos 100 postos de artesanía diversa están distribuídos pola praza da Quintana, praza da Inmaculada, rúa da Acibechería, praza de Cervantes, rúa das Ánimas e praza de Salvador Parga. Reyes Leis apuntou a súa satisfacción porque "os postos non invaden espazos" e polo feito de que "as persoas que están alí son realmente artesáns". Tamén destacou que non se produciron molestias para os veciños durante a instalación da Feira e a colaboración de hostaleiros e comerciantes.

Os máis pequenos teñen unha zona infantil, onde se desenvolve multitude de actividades, como obradoiros de pintura, reciclaxe, malabares, marionetas, xogos de enxeño… Tamén teñen ogros, trasgos, bufóns, cómicos, conta contos e mesmo un dragón que será capturado nun dos espectáculos de rúa. Esta zona está acoutada na praza da Inmaculada.

O obxectivo da Concellería de Mercados é que Santiago conte cunha Feira Medieval con personalidade propia, que recolla os valores medievais da cidade, e que non sexa só unha recreación máis dun modelo estándar que se repite en multitude de cidades, converténdose así nun auténtico elemento dinamizador do turismo e o comercio da cidade. A edición de 2011 é xa un paso intermedio neste obxectivo e ten importantes cambios con respecto a edicións anteriores.

O Concello colabora a través de Incolsa na promoción do evento. Pero, a diferenza das edicións anteriores, non fai ningunha achega económica, polo que non ten ningún custo directo para as arcas municipais. A propósito disto, a edil agradeceu "o espírito colaborador da empresa organizadora".

Compartir: