EDUCACIÓN

O novo Nadalxogo celebrarase en tres colexios e facilitará a conciliación

29/09/2011 Os CEIP Pío XII, Ramón Cabanillas e As Fontiñas acollerán unha nova edición de Nadalxogo, que cambia o seu formato a petición das ANPAS e co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e familiar. Celebrarase os días non festivos comprendidos entre o 23 de decembro e o 4 de xaneiro, en horario de 7:45 a 15:30 horas, incluíndo o servizo de comedor.

O concelleiro de Educación, Ángel Currás, deu a coñecer as características desta nova edición e anunciou a apertura do período de pre-inscrición ata o 17 de outubro. Unha vez se coñeza o número de familias interesadas, convocarase o concurso para contratar a empresa encargada de organizar este Nadalxogo, ao que o Concello achegará uns 60.000 euros. Tamén entón, en función do número de anotados, se fixarán as tarifas. O límite mínimo para abrir os centros será de 20 alumnos e o máximo de 150 alumnos por colexio.

Nadalxogo está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Os inscritos poderán participar en actividades de música, danza, animación á lectura, educación ambiental, papiroflexia, cociña ou artes plásticas. Tamén realizarán itinerarios pola cidade, perfeccionarán a súa técnica en diversos deportes e divertiranse con xogos populares e tradicionais.

Currás destacou que esta elección de tres centros escolares como sede de Nadalxogo obedece á propia demanda dos pais, xa que a súa intención inicial era continuar co programa no Multiúsos de Sar ou Amio. Pero estes recintos, segundo dixo, non ofrecían a mesma dispoñibilidade horaria nin permitían dispor de comedor. Se a iniciativa ten éxito –anunciou- estudarase a súa continuidade noutras datas, como Semana Santa ou no mes de xullo.

Estas actividades de Nadalxogo complementaranse con outras que serán presentadas en vindeiras datas. Así, avanzou, está previstas actividades lúdicas polas tardes nos centros socioculturais das Fontiñas, O Ensanche, Vite e Conxo, e tamén se está estudando a instalación dunha pista de xeo.

Compartir: