LIMPEZA VIARIA

Campaña de concienciación para fomentar a reciclaxe de vidro en Santiago de Compostela

29/09/2011 O Concello de Santiago colabora coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e Ecovidrio, na posta en marcha dunha campaña de sensibilización cidadá para fomentar a reciclaxe de vidro.

A campaña foi presentada na Praza Roxa, nun acto no que participaron o concelleiro de Limpeza Viaria e Recollida de Lixo, Juan de la Fuente; a subdirectora xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia, Verónica Tellado; e o xerente de Zona Galicia de Ecovidrio, Germán Fernández. Os días 29 e 30 de setembro, e 1 e 2 de outubro, patrullas informativas compostas por educadores medioambientais formados en materia de reciclaxe de vidro levarán a cabo un labor de concienciación e información nesta parte da cidade..

Para o desenvolvemento da campaña, utilízase unha carpa informativa itinerante, co obxectivo de que os cidadáns se sintan atraídos polo reclamo, se acheguen a coñecer máis información sobre a reciclaxe de vidro e resolvan as súas dúbidas ao respecto.

E como apoio complementario á actividade, instalaranse xunto a carpa varios xogos relacionados coa reciclaxe de vidro orientados á educación e ao lecer da poboación infantil. Isto contribuirá a incentivar a presenza no punto de información de familias e a amenizar o labor de concienciación.

Os educadores medioambientais repartirán entre os cidadáns folletos informativos, xogos de lapis de cores e bolsas reutilizables ideadas para transportar os envases de vidro ao iglú, transmitindo á poboación a relevancia do seu papel na reciclaxe de vidro, así como as nocións básicas para levalo a cabo dunha forma correcta.

A reciclaxe de vidro en Santiago
Durante 2010, os habitantes de Santiago de Compostela reciclaron un total de 1.681 toneladas de residuos de envases de vidro, o que supón que cada compostelán se achegou ao iglú a depositar unha media de 17,7 quilos de vidro. Este dato amosouse especialmente satisfeito o concelleiro Juan de la Fuente, quen resaltou que Santiago é unha das cidades de Galicia nas que máis vidro se recicla.

O municipio compostelán conta cun total de 276 iglús para a reciclaxe de vidro, o que supón un índice de contenerización de 344 habitantes por cada punto de reciclado.

Ecovidrio
Ecovidrio é unha asociación sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe dos residuos de envases de vidro depositados nos colectores de toda España. Ecovidrio ocúpase de xestionar a recollida selectiva de envases de vidro mediante a instalación de contedores para facilitar a colaboración cidadá e garantindo a súa reciclaxe. Ademais, realiza campañas de sensibilización cidadá e promove a prevención estimulando a redución do volume dos residuos que se xeran.

O 100% do vidro depositado nos colectores recíclase e é usado para fabricar novos envases de vidro, logrando numerosos beneficios medioambientais.

Compartir: