CULTURA

"O Barbeiro de Sevilla", o Ciclo de Lied, o Encontro de Peregrinos Musicais e varias citas teatrais, na axenda de setembro

31/08/2011 O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, presentou a programación cultural para o mes de setembro acompañado da directora en funcións do Auditorio de Galicia, Silvia Modia. Currás destacou o comezo da temporada de abono coa ópera O Barbeiro de Sevilla; o Encontro de Peregrinos Musicais; o Ciclo de Lied e a exposición sobre Francisco Asorey na Fundación Gonzalo Torrente Ballester. Citou tamén os concertos da Banda de Música, varias citas teatrais, a programación da Biblioteca Ánxel Casal e as exposicións da Zona "C" e do Auditorio.

O 28 de setembro inaugúrase a temporada de abono do Auditorio coa ópera O Barbeiro de Sevilla. Currás destacou que é a primeira vez que a temporada comeza cunha ópera e informou de que nos vindeiros días se presentará o programa completo, así como máis datos desta cita inaugural. Do Ciclo de Lied lembrou o concelleiro que celebra xa a súa duodécima edición e que só en tres cidades españolas se celebra unha programación estable de lied. Neste sentido agradeceu a colaboración da Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza, que preside José Víctor Carou e que organiza o ciclo.

Outro dos eventos importantes deste mes de setembro é o Primeiro Encontro Internacional de Peregrinos Musicais, que se celebra do 6 ao 9 e que supón a unión de novos talentos da música galega de entre 12 e 19 anos con novos talentos rusos. Neste sentido, o concelleiro destacou que ademais da obvia vertente cultural deste programa, que conta co apoio da Fundación Vladimir Spivakov, tamén ten unha importante vertente educativa. Destacou Currás tamén a exposición sobre Francisco Asorey que abrirá o 9 de setembro na Fundación Gonzalo Torrente Ballester conmemorando o 50 aniversario da morte do escultor.

O concelleiro lembrou os sete concertos que dá este mes a Banda Municipal de Música e tamén destacou as actividades de animación á lectura da Biblioteca Ánxel Casal xa que, aínda que non están organizadas polo Concello, son, segundo indicou, interesantes e primordiais na programación cultural da cidade. Para finalizar destacou que teremos varias citas teatrais na cidade este mes, entre as que destacou as de Teatro do Morcego e Lagarta Lagarta no Principal; así como o traballo de Experimentadanza, que poderemos ver tamén no Principal. E lembrou que continúan abertas as mostras do Auditorio, Cartografías Silenciadas, e da Zona "C", Fashion Victim, así como as actividades que se fan en colaboración coas concellarías de Centros Socioculturais e Medio Ambiente dentro do programa Vive o Verán.

Compartir: