CULTURA

Última xornada do Festival dos Abrazos con Bellón Maceiras Quinteto e Atempo Circ

26/08/2011 O Festival dos Abrazos chega ao seu fin tras 18 días nos que se celebraron 66 actividades de diferentes disciplinas A última xornada, o sábado 27, comezará ás 20:00 horas na praza de San Martiño Pinario cun concerto de Bellón Maceiras Quinteto que se chove será no Teatro Principal. E para pechar a edición deste ano do Festival, os cataláns Atempo Circ presentan o seu espectáculo Atempo, ás 22:30 horas, na praza da Quintana.

Bellón Maceiras Quinteto ten como protagonistas a Daniel Bellón e Diego Maceiras. Daniel Bellón posúe un dos currículos máis importantes do mundo da música tradicional galega, sendo hoxe un dos gaiteiros máis laureados da historia de Galicia, que percorre o mundo impartindo clases de gaita. Diego Maceiras, acordeonista iniciado da man do mestre Manuel Cociña, pero tamén de Roberto Grandal ou Javier Díaz, segue coa súa formación no conservatorio de música da Coruña.

Despois de tocar por todo o mundo, pasando por Nova York, Xenebra, Varsovia ou Lorient, este dúo de virtuosos apóiase agora nunha formación en quinteto, con contrabaixo, batería, guitarra e saxo: sen dúbida, unha renovación de forzas para a música galega. O disco do quinteto, Folkfusión, presentouse en maio do 2010.

Atempo é un debuxo musical, un espazo irreal. Unha terra de ninguén onde catro personaxes se atopan. Aí partillarán fragmentos de dúas realidades, unha cotiá e outra máxica. Eles coñécense… pero non o recordan… será a música a chave para chegar a comunicarse.

O espectáculo é o resultado dun proxecto baseado na investigación escénica, coreográfica e musical a partir de tres disciplinas circenses: mastro chinés, roda de Cyr e a corda voante. Obtivo en 2009 o premio FAD Sebastian Gasch das Artes Parateatrais Aplauso á creación emerxente e o Premio ao Mellor Espectáculo no Festival Umore Azoka de Leioa 2010.

Organizado pola Concellaría de Cultura, o Festival dos Abrazos conta co patrocinio do Consorcio de Santiago e a colaboración da Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a Man, integrada no Festival dos Abrazos; o Festival de Cine Euro-Árabe Amal; La Caixa de Barcelona e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC.

Compartir: