CULTURA

DJ e proxeccións en Curtocircuíto na Rúa e danza tradicional no Festival dos Abrazos

24/08/2011 O Festival dos Abrazos está celebrando as súas últimas xornadas. Así, xoves 25, os galegos Ultreia ofrecen a súa danza tradicional a partir das 20:00 horas na praza do Toural (se chove será no Teatro Principal) e en Praterías teremos o último Curtocircuíto na Rúa desta edición dos Abrazos: ás 21:15 horas co DJ Amn3m3sis e a partir das 22:30 h proxeccións de Volta ao mundo (se chove, estas dúas actividades trasládanse á Praza de Abastos).

A asociación Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia nace a comezos de 1993 coma un colectivo interesado na recuperación da música, de instrumentos, de traxes e de danzas tradicionais galegas. Os seus compoñentes percorren, dende entón, toda a xeografía galega na procura das máis fondas tradicións galegas. Como froito deste labor de investigación, Ultreia, en cada unha das súas actuacións, mostra un completísimo percorrido polo folclore galego.

O espectáculo que presentan no Festival ofrécenos unha viaxe musical por terras de cultura galego-portuguesa, percorrendo tres partes do Camiño de Santiago que levan ao Finis Terrae europeo. Escoitaranse e veranse cantos, tocatas e bailes dos que ben puideron gozar os camiñantes que por alí pasaron noutrora.

Amn3m3sis é un vello coñecido das nosas sesións nas prazas e que este ano nos deleitará cunha sesión na que o downtempo dará paso a todo tipo de ritmos internacionais dende México ata Asia pasando por Europa. Un percorrido desde o nortec ata o breackbeat máis londinense.

As proxeccións de Volta ao Mundo inclúen: The lost thing (A criatura perdida), de Shaun Tan, Andrew Ruhemann; Nawéwé, de Ivan Goldschmidt; Rubika, de M. Vaxelaire, C. Roux, F. Rousseau, ChaoMa, J. Legay, M. Krebs, L. Habas, C. Baudean; Papalsya (De cabeza á paternidade), de Gennady Fadeev; Mobile (Móbil), de Verena Fels; Mwansa the Great (Mwansa o Grande), de Rungano Nyoni; Things you’d better not mix up (Cousas que é mellor non mesturar), de Joost Lieuwma; e Suiker (Azucre), de Jeroen Annokkée .

Organizado pola Concellaría de Cultura, o Festival dos Abrazos conta co patrocinio do Consorcio de Santiago e a colaboración da Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a Man, integrada no Festival dos Abrazos; o Festival de Cine Euro-Árabe Amal; La Caixa de Barcelona e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC.

Compartir: