ALCALDÍA

Compromiso de colaboración entre o Concello de Santiago e a USC

23/08/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, reuniuse co reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, na que foi a primeira visita institucional deste ao Concello dende a toma de posesión da nova Corporación. Alcalde e reitor repasaron algúns dos temas que afectan ao presente e futuro da institución académica.

Conde Roa cualificou como "moi boa " a relación existente entre Concello e Universidade e, máis aló de cuestións materiais, afirmou que "temos todo un futuro por diante moi importante no que as dúas institucións van traballar xuntas". Así, comentou o momento de "certo esplendor" que vive a USC, malia as dificultades económicas, e que "o Concello non pode permanecer á marxe".

Aos aspectos concretos de colaboración inmediata referiuse o reitor. Apuntou a necesidade de arranxos do Campus Sur e tamén das fiestras da Biblioteca Xeral, no Pazo de Fonseca, "porque a madeira das actuais xa non está en condicións". Casares Long tamén falou con Conde Roa da licenza do Centro de Biomedicina Experimental, complexo incluído no proxecto do Campus Vida e integrado no Plan Parcial da Choupana. "Úrxenos poñer en marcha este proxecto, porque o mes que vén presentámonos para acadar a categoría internacional", recordou.

Compartir: