MEDIO RURAL
Segundo Luis Bello, estanse entablando negociacións coa Dirección Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural para reforzar estes traballos co desbroce nas pistas forestais.
A Concellería de Medio Rural acomete de maneira urxente a primeira fase de limpeza das cunetas en parroquias e barrios
23/08/2011 A Concellería de Medio Rural procedeu xa e de maneira urxente á primeira fase de desbroce das cunetas das pistas asfaltadas das parroquias e barrios composteláns. As beneficiadas inicialmente foron as parroquias de Figueiras, Grixoa, Marrozos, Cesar, Laraño e Aríns, así coma o barrio de Sar. Estes traballos estenderanse a partir deste mesmo martes a San Paio e ás parroquias da Peregrina, Santa Cristina de Fecha e A Gracia, ademais dos barrios de Conxo, Vite, Guadalupe e Meixonfrío.
O concelleiro de Medio Rural, Luis García Bello, ten a intención de que, tras esta primeira fase de urxencia, os labores de limpeza se complementen cunha segunda fase noutros barrios e parroquias do concello. Tal como indicou, e debido aos escasos recursos económicos dispoñibles, os traballos realizaranse paulatinamente e cunha programación e desenvolvemento que o propio edil está a supervisar persoalmente en coordinación cos técnicos municipais.Segundo Luis Bello, estanse entablando negociacións coa Dirección Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural para reforzar estes traballos co desbroce nas pistas forestais.