CULTURA

O alcalde destaca a achega "crucial" de Aquilino Iglesia Alvariño á literatura galega

30/07/2011 O Concello rendeulle homenaxe a Aquilino Iglesia Alvariño ao cumprirse o 50 cabodano da súa morte. Fíxoo participando do acto que organizou o PEN Club Galicia para reivindicar a figura e obra do escritor. Foi no camposanto de Bonaval e alí estiveron o alcalde da cidade, Xerardo Conde Roa, e o concelleiro de Cultura, Ángel Currás, para participar na ofrenda floral.

O alcalde apuntou a satisfacción que lle producía unirse a esta homenaxe por dous motivos. O primeiro, porque "é a nosa obriga e a nosa vocación institucional apoiar todas as iniciativas orientadas a recuperar, a difundir e a por en valor a cultura galega, nas súas máis diversas expresións". Afirmou que na literatura galega "temos oito séculos de creación ás nosas costas, pero tamén temos por diante, cando menos, outros tantos séculos para apoiar a novos escritores e para recuperar acreditados creadores como é o caso de Aquilino Iglesia".

Sobre a figura do homenaxeado, Conde Roa recordou que "foi, esencialmente, poeta, de tal xeito que a homenaxe que hoxe lle tributamos pode servir de reivindicación dun xénero algo esquecido nuns tempos tan acelerados; un xénero –o da poesía- clave e iniciático na literatura de Galicia". Lonxe de entrar a facer unha crítica literaria da produción do escritor, si afirmou ser quen de "comprender e valorar a iniciativa literaria de Aquilino Iglesia nun tempo difícil. A aportación de Aquilino Iglesia á literatura galega foi, literalmente, crucial, pois a publicación en 1947 do seu poemario Cómaros verdes supuxo o punto de partida da nosa literatura tras a Guerra Civil". "Eran anos nos que as posibilidades da nosa literatura permanecían no Ventre do silencio duns tempos escuros, ou, se se me permite, algo cutres", engadiu.

"O segundo motivo polo que nos sumamos gustosos a esta conmemoración é porque Aquilino Iglesia Alvariño foi un querido veciño de Compostela", lembrou o alcalde. "Aquí, na nosa cidade, deixou a súa pegada pedagóxica: deu clase nun instituto tan compostelán e tan emblemático para nós como é o Rosalía de Castro, e foi vicepresidente dun centro de ensino tan enraizado en Compostela como é a Alianza Francesa", rememorou.

Volvendo á súa biografía como autor, indicou que "este acto constitúe un estímulo para aproximarse á estimable obra e á exemplar traxectoria intelectual e vital de Aquilino Iglesia. Falamos dun autor polifacético, que abordou a literatura dende os máis diversos puntos de vista: como creador, como tradutor, como filólogo e académico: o seu labor filolóxico como recolleitor de palabras e impagable e está cheo de suxestións, tantas como os significados das palabras recolleitadas". Finalmente, Conde Roa expresou o seu desexo de que, tras ter noticia deste acto de homenaxe, "haxa un mozo ou unha moza galegos que sintan a curiosidade intelectual de indagar na vida ou na obra de Aquilino Iglesia".

Ademais do alcalde, no acto interviron o conselleiro de Cultura, Roberto Varela; o presidente do PEN Club Galicia, Luis G. Tosar; o profesor da UDC e especialista na obra de Iglesia Alvariño, Luciano Rodríguez; Xurxo Martínez González, colaborador de diversos xornais e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín. De seguido houbo un breve recital poético con Miro Villar, Bieito Iglesias e Salvador García-Bodaño. Pechou a quenda de intervencións o fillo do escritor, Aquilino Iglesia Ferreirós. Finalmente, houbo unha ofrenda floral na tumba do homenaxeado e un gaiteiro interpretou o himno do Antigo Reino de Galicia.

Aquilino Iglesia Alvariño
Aquilino Iglesia Alvariño naceu no ano 1909 en Abadín e faleceu no 1961 na nosa cidade, Santiago de Compostela. Entrou con 14 anos no Seminario de Mondoñedo, onde compuxo a súa primeira obra poética, Señardá (1930). Tras abandonar os estudos eclesiásticos, estableceuse en Vilagarcía de Arousa como profesor do colexio León XIII, do que se convertería en director e propietario. Porén, Aquilino trasladouse a Santiago para cursar Filosofía e Letras, carreira na que se licenciaría en 1944. Alí entrou en contacto coa intelectualidade galeguista do momento e comezou a participar activamente na vida cultural do país. Así, exerceu como director de A Nosa Terra, fundou Renacencia e a seguir retomou a publicación lírica.

Ademais de seguir escribindo poesía e de exercer a docencia, desenvolveu unha intensa actividade noutros campos. Como lingüista especializouse no galego popular e redixiu monografías como A lengua dos poetas do Norte de Lugo, que foi o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega en 1949, que só sería publicado 15 anos despois. En 1952 retornou a Compostela, onde permanecería ata a súa morte, e alí foi testemuña do abrollar da xeración literaria das Festas Minervais (mesmo colaborou, con diferentes artigos e traducións para o galego de textos grecolatinos, en La Noche).

Compartir: