EDUCACIÓN

Máis de 200 escolares participaron na Escola Municipal de Verán de Inglés

29/07/2011 O concelleiro de Educación, Ángel Currás, clausurou unha nova edición da Escola Municipal de Verán de Inglés English Summer School. 205 nenos e nenas participaron neste programa, desenvolvido do 1 ao 29 de xullo.

Sobre esta Escola, Ángel Currás apuntou que "é unha experiencia moi importante para os rapaces. É un mes no que, unha vez rematado o curso escolar, poden dedicarlle tempo non só a traballar no inglés e a coñecer a cultura anglosaxona, senón tamén a relacionarse e a xogar entre eles e a participar nos obradoiros". Por iso, manifestou a intención de continuar nos vindeiros anos con esta iniciativa.

Esta foi a quinta edición na que o Concello de Santiago puxo en marcha esta Escola, dirixida a nenos e mozos de 1º de educación primaria a 2º de ESO. Deste xeito, unhas 200 familias compostelás puideron ocupar o tempo libre dos seus fillos/as dun xeito educativo pero tamén lúdico no verán. As familias podían escoller participar todo o mes ou por quincena.

Esta oportunidade de aprendizaxe combinou as clases de inglés con obradoiros lúdicos para aproveitar o tempo de actividade non escolar e practicar o inglés. Á vez, os rapaces e rapaces utilizaron este tempo para procurar novas relacións socializadoras.

Houbo obradoiros de creación literaria; cancións e música; teen life; magazine; role plays; artes plásticas; cociña elemental; language games; english workshops; actividades deportivas e xogos; ximcanas; e talleres de manexo, hixiene, rastreo e superación do medo con cans de familia.

Realizáronse saídas, como por exemplo visitas de coñecemento do mercado de Santiago, dos servizos do Concello, ao Parlamento de Galicia, á exposición Biodiversidade en España, á mostra de Picasso no Centro Social Novacaixagalicia, á exposición Domus Iacobi, etc.

Ademais, este ano, co obxecto de propiciar o coñecemento das instalacións deportivas municipais e da práctica do deporte, realizáronse sesións de natación na piscina de Santa Isabel, grazas á colaboración da empresa XADE. Ao longo de varios días, o Club Canino "Só lles falta falar", desenvolveu diferentes actividades na Escola, e participou tamén no acto de clausura.

Compartir: