MEDIO RURAL

O concelleiro de Medio Rural demanda a colaboración de Augas de Galicia para dotar de servizos básicos ao rural compostelán

29/07/2011 O concelleiro de Medio Rural, Luís García Bello, reuniuse co presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez. Ambos falaron, entre outros asuntos, das obras executadas en base ao convenio de colaboración entre o Concello, a Consellería de Medio Ambiente e a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH) para obras hidráulicas nas parroquias, na súa primeira fase.

Luís García Bello demandou a colaboración de Augas de Galicia para promover a sinatura dun novo convenio de colaboración co obxecto de dotar de servizos básicos (saneamento e abastecemento de auga) ás parroquias do rural de Santiago que aínda carecen destas infraestruturas.

A Concellería pretende intensificar os contactos con Augas de Galicia para, grazas a un novo acordo, por en marcha unha segunda fase de actuacións. O concelleiro atopou plena disposición por parte do presidente do organismo autonómico para, dentro das posibilidades orzamentarias da Xunta, dotar de forma progresiva de servizos básicos aos núcleos máis poboados do rural de Compostela. Neste sentido, apostou por continuar as actuacións con dotación de redes máis diversificadas nas zonas menos poboadas.

Compartir: