ALCALDÍA

O Concello concreta as súas aportacións sobre o futuro da Cidade da Cultura

25/02/2006 Durante dúas xornadas, o venres e o sábado, 24 e 25 de febreiro, o grupo multidisciplinar de expertos requeridos polo Concello co obxecto de elaborar propostas sobre a Cidade da Cultura mantivo unha xuntanza en Compostela para compartir e concretar as súas recomendacións. As propostas foron transmitidas ao alcalde, Sánchez Bugallo, que participou na última parte destas sesións de traballo, hoxe sábado. As propostas serán transladadas á Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, no transcurso da visita institucional que realizará ao Concello o próximo venres, 3 de marzo.

Coordenado polo xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, e por Xosé Denis, quen asumira durante moitos anos a dirección do Auditorio de Galicia e organizara os exitosos "Compostela Millenium Festival", forman parte do grupo relevantes persoalidades da cultura, a universidade, a arte, o teatro, o pensamento, o urbanismo, o xornalismo, así como os xerentes das empresas municipais públicas Incolsa e Tussa. Cada un deles, previamente á realización desta posta en común, elaborou e presentou as súas propostas sobre a reformulación dos contidos e obxecto mesmo da Cidade da Cultura, un equipamento considerado polo alcalde como fundamental para o futuro da cidade e mesmo determinante, polas súas singulares especificidades, para Galicia.

Nas sesións foron expostas e debatidas cada unha das propostas presentadas ndividualmente, de xeito que nos próximos días se formalizarán nun documento único que será entregado á Conselleira de Cultura.

O grupo de expertos reunido polo Concello para aportar propostas sobre o futuro da Cidade da Cultura está formado por:

· Xosé Manuel Beiras, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela.
· Santiago Eraso, director de Ateleku (Donosti).
· Iñaki Gaztelumendi, xerente de Incolsa (Turismo de Santiago).
· Carlos González, xerente de Tussa (Transportes de Santiago).
· Simona Levi, directora do Festival Conservas (Barcelona).
· Reyes Mate, filósofo e investigador do CSIC (Consejo Superior de Investigaciones Científicas).
· María Xesús Martínez, directora de Kunsthalle de Frankfurt.
· Andreu Morte, escritor e director teatral e ex director do "Mercat de Flors" (Cataluña).
· Samir Naïr , parlamentario europeo (Francia).
· Alex Ollé, director de teatro, membro de La Fura del Baus (Cataluña).
· Antonio Pinto Ribeiro, consultor de programas da Fundación Gulbenkian (Lisboa).
· Josep Ramoneda, periodista e director do "Centro de Cultura Contemporánea" de Barcelona.
· Ignacio Ramonet, director de "Le Monde Diplomatique" (París).
· Juan Ángel Vela, xornalista e crítico musical de El País (Madrid).
· Ánxel Viña, director da Oficina de Planeamento S.L. (Galicia).

Disculparon a súa asistencia nestas sesións de traballo Josep Ramoneda e Samir Naïr, aínda que o primeiro deles presentara tamén as súas aportacións.

Compartir: