EDUCACIÓN

Ábrese unha nova edición da Escola Municipal de Verán de Inglés

30/06/2011 Ponse en marcha unha nova edición da Escola de Verán de Inglés English Summer School, que estará aberta do 1 ao 29 de xullo, en horario de 8:15 a 14:00 horas. Está dirixida a nenos/as e mozos/as de 1º de Primaria a 2º de ESO, e desenvolverase no IES Rosalía de Castro.

O Concello de Santiago promove por quinto ano este programa, que lles permite a máis de 200 familias compostelás ocupar o tempo libre dos seus fillos/as dun xeito educativo pero tamén lúdico no verán. As familias poden escoller participar todo o mes ou por quincena.

Esta oportunidade de aprendizaxe combina as clases de inglés con obradoiros lúdicos, para aproveitar o tempo de actividade non escolar. Os rapaces e rapazas poden practicar e mellorar o seu inglés á vez que utilizan este tempo para procurar novas relacións socializadoras. Ademais de talleres, hai actividades deportivas, xogos e visitas.

Este ano, co obxecto de propiciar o coñecemento das instalacións deportivas municipais e da práctica do deporte, contémplanse sesións de natación na piscina de Santa Isabel, gracias á colaboración da empresa XADE.

A concelleira de Educación en funcións, Mercedes Rosón, e o próximo concelleiro da área, Angel Currás, inaugurarán esta Escola Municipal de Verán de Inglés o venres 1 de xullo, ás 10:30 horas, no IES Rosalía e Castro.

Compartir: