PLENO

O alcalde en funcións deséxalle éxito e acerto ao novo Goberno municipal

28/06/2011 A Corporación saínte celebrou o seu último Pleno, previo ao de constitución da nova Corporación, que se celebrará o venres 1 de xullo a partir das 12:00 horas. A orde do día foi unicamente a aprobación de actas, pero abriuse un turno de palabra para a despedida dos concelleiros que deixan o labor municipal.

O alcalde en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo, no último Pleno que lle tocou presidir, quixo agradecer a todos os concelleiros saíntes o seu traballo en prol da cidade. Na súa opinión, remata un período que cualificou como o de "maior e mellor transformación da nosa cidade".

Tras facer un repaso dos logros dos últimos anos, indicou que os mesmos foron "a combinación dun bo proxecto, a constancia no empeño e a existencia de múltiples colaboracións". Entre estas últimas destacou a colaboración institucional das distintas administracións, cunha especial referencia ao Consorcio como marco, e a colaboración cidadá, tanto particular como a través das distintas asociacións.

Tampouco se esqueceu Sánchez Bugallo dos funcionarios e traballadores do Concello, aos que definiu como "grandes profesionais coa capacidade de asumir grandes retos". Finalmente, tivo palabras de agradecemento para os medios de comunicación, dos que tamén destacou a súa profesionalidade.

Cara a nova etapa municipal que comeza, desexou que sexa "igual ou mellor que a que remata". E á nova Corporación, ao novo Goberno e ao novo alcalde desexoulles "moito éxito" e o "maior dos acertos" nas súas decisións, no convencemento de que "será o mellor para Santiago".

Tamén tomaron a palabra en representación dos seus respectivos grupos municipais tres dos concelleiros saíntes. Así, Socorro García Conde, do grupo municipal do BNG, que tivo unha lembranza ao peche este mesmo día do xornal compostelán en galego Galicia Hoxe, deu as grazas na súa intervención a todos os compañeiros de Corporación e aos traballadores municipais.

O seguinte en falar foi Carlos Nieves, do grupo municipal socialista, quen no seu habitual ton de humor, recordou que pasaran 24 anos dende a súa primeira participación nunha Corporación municipal. Presumiu de non ter faltado a un Pleno coma concelleiro e recordou con agradecemento a todos os compañeiros de Corporación e traballadores, ademais de aos ausentes.

Polo grupo municipal popular interviñeron Jorge Padilla e Javier Sánchez-Agustino. O primeiro, quen tomara posesión da súa acta no Pleno do 28 de abril, expresou "o honor, o orgullo e a satisfacción" que lle supuxo ter sido concelleiro de Santiago. O segundo agradeceu á cidade e aos cidadáns de Compostela a confianza depositada.

Compartir: