CULTURA

As bandas de Musigalizando ofrecen un concerto na praza da Quintana

27/06/2011 A Praza da Quintana acolle o martes 28, a partir das 20:30 horas, o concerto das Bandas Xuvenil e Sinfónica de Musigalizando, co que poñen o broche final a Musigalizando, campamento musical que organizan, por quinto ano consecutivo, a Asociación Cultural Musical Solfa, a Banda da Escola de Música de Rianxo e a Banda da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia. O campamento, que se está a celebrar dende o pasado día 22 en Gandarío (Sada), conta co patrocinio da Concellaría de Cultura e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.

Nesta quinta edición de Musigalizando, aos compoñentes das tres agrupacións organizadoras sumáronse instrumentistas da Banda de Música de Padrón e da Banda de Música da Golada. Así, con máis de 90 integrantes conformouse a Banda Xuvenil e a Banda Sinfónica que darán este concerto, no que interpretarán pezas de Landín, MacCoy, Montes, Meij, Reineke, Brage, Appermont, Seráns e Abba.

Dende a organización de Musigalizando remarcan que o pobo galego posúe unha riqueza musical que non ten límites e que son moitos milleiros de persoas e asociacións que se moven ao redor da música. Máis de 5.000 mozos e mozas, nenos e nenas integran estas agrupacións bandísticas. E Musigalizando forma parte deste gran crebacabezas musical que axuda a conservar, construír e querer o patrimonio cultural e musical de Galicia. Así, despois de días de traballo, esforzo e superación, os rapaces e rapazas deste campamento culminan os seus ensaios cun gran concerto na praza da Quintana ao que queren convidar a todos os composteláns e compostelás.

Compartir: