CULTURA

Marilar Aleixandre será a guía no segundo Roteiro Literario de Compostela

27/06/2011 A Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais e a Asociación de Escritores en Lingua Galega puxeron en marcha este mes unha nova actividade en Compostela que, baixo o título de Roteiros Literarios, consiste nun paseo acompañado dun escritor que fará diversas paradas en sitios emblemáticos onde se lerán ou recitarán diferentes textos. Así, o martes 28, a partir das 20:00 horas, realizarase o segundo destes roteiros, nesta ocasión guiado por Marilar Aleixandre. En agosto haberá dous roteiros máis logo de que o pasado 14 de xuño se celebrara o primeiro con Euloxio Ruibal.

O roteiro con Marilar Aleixandre sairá da porta do Hostal dos Reis Católicos, na praza do Obradoiro. Está previsto que siga pola Cidade Histórica para despois cruzar a Alameda e acabar no lavadoiro de Cornes. Todos os interesados e interesadas en participar nesta actividade, na que diversos autores nos axudan a coñecer a Compostela literaria, poderán participar na actividade sen ter que inscribirse. Tan só é necesario estar ás 20:00 horas no punto de encontro.

MARILAR ALEIXANDRE naceu en Madrid en 1947. Di sentir saudade dos sitios nos que viviu, Ceuta, Doña Mencía (Córdoba), e Madrid, pero dende 1973 reside en Galicia, onde adoptou o galego como a súa lingua literaria e se converteu nunha das escritoras galegas actuais con obra máis consolidada e recoñecida. É profesora da Universidade de Santiago de Compostela, onde ensina Didáctica das Ciencias e Educación Ambiental, dende 1988. O primeiro relato que escribiu, un conto sobre vampiros, foi o xermolo de Agardando polos morcegos. Logo viñeron A formiga coxa, a súa primeira novela de literatura infantil, e A expedición do Pacífico (Premio da Crítica de Galicia 1995).

Ademais de destacar como autora de literatura infanto-xuvenil tamén escribiu para adultos. Foi finalista do Premio Xerais de Novela en 1992 con Tránsito dos Gramáticos. En 1996 publicou o libro de relatos Lobos nas illas, sobre as difíciles relacións familiares; en 1998 a novela A Compañía Clandestina de Contrapublicidade (Premio Álvaro Cunqueiro dese mesmo ano); e no 2001 Teoría do Caos (Premio Xerais 2001), unha novela ambiciosa e fragmentaria sobre como é posible traizoarse a un mesmo. Boa parte da súa obra narrativa está traducida ao castelán, portugués, catalán e vasco.

Como poeta participou en varias publicacións colectivas e nas actividades do Batallón Literario da Costa da Morte. En 1998 gañou o Premio Esquío co poemario Catálogo de velenos. En 2010 foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Ten tamén colaboracións en diversas revistas sobre cultura e literatura: CLIJ, Festa da palabra silenciada, Dorna e El Signo del Gorrión. Ademais, é autora de obras sobre o ensino das Ciencias.

Compartir: