ALCALDÍA

A temporada futbolística comezará con dous novos campos de herba artificial

27/06/2011 O alcalde compostelán en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou as tres novas instalacións deportivas coas que conta a cidade. Así, a temporada futbolística abrirase con dous novos campos de herba artificial en Belvís e San Lázaro. E xa dende maio, funcionan en período de proba e de balde as tres pistas de pádel e a de tenis de Sar, á espera da adxudicación da explotación deste recinto.

Cos campos de fútbol de Belvís e San Lázaro, Santiago de Compostela disporá xa de cinco campos de superficie sintética, xunto cos de Villestro, Santa Isabel e As Cancelas. O novo campo de fútbol-7 Belvís é un proxecto incluído no programa Urbana Santiago Norte, financiando con fondos FEDER. Substitúe ao campo de terra existente ata agora, cun investimento de 156.913 euros.

Este recinto dará servizo ás diferentes categorías dos clubs Belvís e San Pedro, pero tamén ao restantes equipos da cidade que compiten e adestran na modalidade de fútbol-7. A nova instalación dispón de aseos e vestiarios para xogadores e árbitro, iluminación e un peche perimetral.

En canto ao campo de fútbol de San Lázaro (a carón do edificio do SERGAS), que xa dispoñía de gradas e vestiarios, agora estase a colocar unha nova superficie de herba artificial. Grazas a un convenio coa Deputación da Coruña, investiranse 340.000 euros neste recinto de 107 x 65 metros.

Aquí xogarán e adestrarán os deportistas do Amio e do Vitoria, pero tamén o resto de equipos da cidade nas horas que queden libres. Ademais, dadas as dimensións, o campo tamén se poderá utilizar para dous recintos de fútbol-7.

Pistas de pádel e tenis de Sar
Dende o 5 de maio, calquera persoa censada no Concello de Santiago puido utilizar de balde as novas tres pistas de pádel e a pista de tenis situadas na rúa Casas Hedra, fronte ás piscinas de Sar, previa reserva das mesmas. A explotación deste complexo está en fase de adxudicación.

As pistas de pádel teñen unhas dimensións de 20 x 10 metros e son de herba artificial e un cerramento en cristal temperán con estrutura de aceiro lacado en branco. Contan con iluminación artificial. En canto á pista de tenis, de chan sintético, optouse por unha edificación en forma de arco, no que a estrutura de madeira laminada soporta as luces da pista.

Compartir: