TURISMO

Santiago(é)Tapas remata a súa mellor edición con máis de 30.000 consumicións

31/05/2011 A cuarta edición de Santiago(é)Tapas amosou a consolidación do concurso na cidade e a súa rendibilidade para os establecementos participantes. Os datos así o amosan: entre o 13 e o 29 de maio consumíronse algo máis de 30.000 tapas, todas elas a un prezo único de dous euros.

A media de consumo diaria situouse nas 1.800 tapas, unha media que supera as das edicións anteriores: 1.250 no nacemento do concurso en 2008, 1.600 en 2009 e 1.450 en 2010, cando se celebrou unha edición especial cunha semana máis de duración por mor do Ano Santo.

Esta edición de Santiago(é)Tapas, evento enmarcado na celebración do 800 Aniversario da Catedral, foi a que tivo o maior número de establecementos participantes ata o momento, 60. A progresión é a seguinte: 45 en 2008, 50 en 2009, 56 en 2010 e 60 en 2011. Hai que ter en conta que nesta edición, por primeira vez e coma sistema de control de calidade, todos os establecementos tiveron que preparar as súas tapas nas instalacións da Asociación Hostalería Compostela, promotora do concurso xunto co Concello, onde foron valoradas como aptas ou non aptas por un xurado de preselección.

Ademais, hai outros datos que apuntan o bo funcionamento do concurso. Por exemplo, repartíronse máis de 36.000 pousavasos para as valoracións do público e máis de 6.000 Tapasportes para que se puideran seguir as diferentes rutas; houbo máis de 500 descargas do Tapasporte virtual, unha innovación deste ano que permitía facer o concurso a través dun terminal móbil; e a páxina web sumou máis de 50.000 páxinas vistas.

Corea do Sur e Canadá
Este ano houbo 14 persoas que completaron as cinco rutas do Tapasporte, é dicir, que consumiron polo menos unha tapa en cada un dos 60 establecementos participantes. Tamén se presentaron 11 Gastrobingos completos, para o cal había que consumir as bebidas oficiais do concurso. Entre os posuidores dos Tapasportes e dos Gastrobingos completos sortearase unha viaxe ao Caribe para dúas persoas e dunha semana de duración, ofrecido por Travelplan.

Como curiosidade cabe apuntar que unha das persoas que completou o Tapasporte procede de Corea do Sur e outra de Canadá. Ademais, completáronse 19 Tapasportes Express, pensados para as persoas que pasan un par de días na cidade, que poden optar por facer unha ruta normal do concurso, ou escoller un establecemento de cada ruta e sumar o cuño do establecemento no que se hospedaban no Concello. En total, repartíronse máis de 200 premios a persoas que completaron algunha ruta.

Gala de Santiago(é)Tapas
O Mercado de Abastos acollerá o 1 de xuño, ás 18:00 horas, a gala de entrega de premios de Santiago(é)Tapas. Entregaranse os premios do público á Mellor Tapa e á (é)xcelencia, e os premios do xurado á Mellor Tapa, á Segunda Mellor Tapa, e á Terceira Mellor Tapa. Tamén se entregará un premio á tapa que mellor maride coa Estrella Galicia Artesana, a nova cervexa de Estrella Galicia.

Compartir: