CONSORCIO

O Consorcio recupera varias pezas artísticas na capela do Rosario en Bonaval

30/05/2011 O Consorcio de Santiago, no marco das súas políticas de recuperación do patrimonio histórico da cidade, realizou este ano diferentes traballos de conservación na capela da Confraría do Rosario, pertencente ao conxunto monumental de San Domingos de Bonaval.

Cunha inversión de 67.901 euros, o Consorcio realizou labores de conservación e mantemento que permitiron erradicar focos de humidade. Revisáronse os muros, procedendo á renovación dos revocos, e actuouse en diferentes partes das paredes interiores. A obra completouse con pequenos traballos de mantemento no cemiterio adxacente, mellorando a recollida de pluviais nos teitos dos nichos e as escaleiras de acceso.

De forma paralela e incluído neste mesmo traballos de conservación, o Consorcio procedeu á restauración de varias pezas históricas pertencentes á capela do Rosario. Entre elas destaca a imaxe da Virxe da O, ubicada oa pé do altar e que representa á Virxe María embarazada. Logo da restauración a imaxe recuperou a súa policromía orixinal. Neste sentido, destacan os azuis e dourados do manto da Virxe, ademais da cor encarnada da faciana, imperceptible ata agora.

Tamén se recuperaron dúas táboas de indulxencias, do século XVIII. Realizadas en madeira sobredourada, estas táboas describen os beneficios e indulxencias que podían obter aqueles que acudisen á Capela ou participasen dos oficios celebrados pola Confraría do Rosario.

A encargada dos traballos de conservación foi Diconsa, mentres que os labores de restauración correron a cargo da empresa Renovatio.

A capela é a sede da Confraría Numeraria do Rosario, unha das máis arraigadas na cidade e que todas as Semanas Santa organiza a procesión do Santo Enterro, na tarde do Venres Santo. A confraría ten na capela o seu lugar de culto e, adxacente á ela, o seu propio cemiterio. Foi construída no século XVIII, como engadido ao templo de San Domingos de Bonaval, un dos mellores exemplos de gótico en Galicia. A capela, barroca, foi ocupada pola Confraría do Rosario, que nela instalou a súa sede.

Compartir: