ALCALDÍA

Case 2,5 millóns de euros para rehabilitar 82 vivendas

29/04/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou o acordo relativo á Área de Rehabilitación Integral do Casco Histórico de Santiago (12ª fase), acto que estivo presidido polo ministro de Fomento, José Blanco. En virtude deste convenio rehabilitaranse 82 vivendas e acometeranse actuacións urbanización no seu ámbito.

O custo de todas estas actuacións é de 2.491.190 euros, dos que o Ministerio de Fomento achega 818.800 (32,59%), o Instituto Galego de Vivenda e Solo 532.960 (21,39%) e o Concello 457.629 (18,37%). O resto, 688.800 euros (27,65%), será achegado polos particulares.

O de Santiago foi un dos 31 concellos galegos que subscribiron estes acordos de financiamento para a rehabilitación de vivendas. Os 44 documentos asinados permitirán a rehabilitación de 1.750 viviendas no marco do Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.

Os acordos subscritos inclúen tambén a Área de Rehabilitación do Camiño de Santiago que, na primeira fase, permitirá a mellora de 573 vivendas. Para a selección das vivendas que se rehabilitarán neste ARI realizarase unha orden pública de convocatoria á que poderán concorrer todos os municipios, concellos ou parroquias polos que discorre o Camiño.

Compartir: