CIDADE HISTÓRICA

Anuncio de sinatura dun convenio con Fomento e co IGVS para as Áreas de Rehabilitación Integral de Vista Alegre, Pontepedriña e Casco Histórico

29/04/2011 A concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Olga Pedreira, anunciou a sinatura dun convenio co Ministerio de Fomento e co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para proseguir co labor iniciado nas Áreas de Rehabilitación Integral de Vista Alegre, Pontepedriña e Casco Histórico. "Estas actuacións permitirán proseguir pola liña iniciada destinada a mellorar a calidade de vida dos santiagueses e santiaguesas, dentro do modelo de cidade que defendemos", destacou.

As actuacións que se realizarán ao abeiro deste documento son tanto en elementos comúns, para mellorar a accesibilidade en ascensores e escaleiras, como na eliminación de barreiras. Permitirán a realización de obras en tellados e carpinterías exteriores, a mellora da eficiencia enerxética, co illamento térmico en fachadas, a mellora da seguridade e a utilización de enerxías renovábeis.

Incidirase, ademais, na mellora da habitabilidade das vivendas, coa redistribución da planta, así como en seguridade, accesibilidade e eficiencia enerxética.

No relativo aos espazos públicos, preténdese tamén realizar obras de reurbanización e accesibilidade universal e algunhas outras vinculadas á utilización de enerxías renovables.

Na ARI de Vista Alegre proseguirase co traballo xa principiado de rehabilitación de ascensores, en tres bloques máis que se sumarán aos dous onde xa se realizou este traballo, co obxectivo de facilitar a accesibilidade e facer máis habitábeis e acordes cos tempos estas edificacións. Neste caso serán as 48 actuacións que se acollerán a este convenio, cunha subvención de 480.000 euros destinados á rehabilitación.

En Pontepedriña manterase a convocatoria de rehabilitación de elementos comúns e vivendas, con 29 novas actuacións previstas e un orzamento de subvencións de 290.000 euros destinados a esta ARI.

No Caso Histórico están contempladas 159 actuacións cunha subvención máxima de rehabilitación de 1.721.200 euros.

Compartir: