EDUCACIÓN

Escolares de Ávila participan en Santiago en actividades lúdicas e didácticas no marco do programa "Coñecer as Cidades Patrimonio"

29/04/2011 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, recibiu o grupo de alumnos do Colegio Diocesano Asunción de Nuestra Señora de Ávila que elaborou o traballo seleccionado por esta cidade na décima edición do programa didáctico Coñecer as Cidades Patrimonio.

Os escolares de Ávila están en Santiago participando nun amplo programa de visitas didácticas organizadas pola Concellería de Educación. Do 1 ao 3 de maio serán os alumnos e alumnas de 2º da ESO do IES Rosalía de Castro os que viaxen a esta cidade castelá, como gañadores por Santiago co traballo titulado A auga nas Cidades Patrimonio: Ávila, dirixidos por Milvia Varela e Pilar Fernández. Abulenses e composteláns irán logo co resto de gañadores das outras Cidades Patrimonio a Toledo, cidade que acolle nesta ocasión o certame final.

En Ávila, os escolares composteláns realizarán visitas teatralizadas a monumentos, paseos no tren turístico ou visitas a exposicións, ademais de ser recibidos no Concello desta cidade. Xa en Toledo, cada grupo seleccionado exporá o seu traballo e conclusións e participará nun programa de actividades lúdicas, educativas e culturais.

Coñecer as Cidades Patrimonio
O Programa Coñecer as Cidades Patrimonio é convocado pola Comisión de Educación da Asociación Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, no que participa a cidade de Santiago de Compostela, a través da Concellería de Educación. Está constituída polas cidades de Mérida, San Cristóbal de La Laguna, Salamanca, Toledo, Segovia, Tarragona, Eivissa, Cuenca, Santiago de Compostela, Córdoba, Alcalá de Henares, Cáceres e Ávila.

O obxectivo principal deste programa educativo, no que participan estudantes de ESO das 13 cidades patrimonio, é que os rapaces e rapaces coñezan máis polo miúdo os segredos que agochan estas urbes.

Cada ano unha delas é a cidade organizadora, neste caso Toledo, mentres que as outras se agrupan en parellas para que os rapaces de cada unha delas realice un traballo sobre a outra. Despois de meses de investigación, os alumnos/as obteñen como premio unha viaxe á urbe sobre a que traballaron e tamén á cidade organizadora. Nesta edición os traballos versaron sobre a auga nas Cidades Patrimonio.

Compartir: