ALCALDÍA

Un encontro analiza as posibilidades dun mercado de proximidade en Santiago

28/04/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu o grupo ANATOLE que analiza en Santiago de Compostela as vantaxes que o desenvolvemento dos mercados de proximidade ofrece ás cidades europeas. No encontro participan representantes das cidades de Huelva, San Sebastián, Santiago de Compostela, Aveiro, Nantes, e Dublín; así como da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico e da Asociación de Cámaras Agrarias do Arco Atlántico Francés.

O encontro, no que participa persoal técnico da Concellaría de Promoción Económica desenvólvese no Auditorio de Galicia. Ademais da Concellaría e de Turismo de Santiago, nesta iniciativa transnacional están tamén implicadas a asociación Terras de Compostela e a asociación ADTERRA (Asociación para o Desenvolvemento dos Territorios polos Actores Locais). O encontro ten como obxectivo analizar as experiencias recollidas polos distintos socios para a elaboración dun documento conxunto no que se definan os resultados do ANATOLE. A previsión é que estes resultados sirvan para sentar as bases da construción dun mercado de proximidade en Santiago de Compostela que teña capacidade para dar resposta ás demandas dos colectivos destinatarios da iniciativa: produción, comercialización, consumo, calidade ou competitividade, e contribuír así ao desenvolvemento da economía local e comarcal.

Na xornada do xoves 28, as entidades asistentes estudaron temas como a incidencia nas políticas públicas no abastecemento alimentario, a economía de proximidade e o abastecemento da restauración colectiva, a relación entre produción local e intermediarios e o concepto de gobernanza alimentaria. O obxectivo do debate é construír un argumentario común aos distintos países europeos que participan no proxecto sobre as vantaxes da economía de proximidade como ferramenta de desenvolvemento económico e benestar social.

As entidades participantes dedicarán a xornada do venres 29 a coñecer as iniciativas de economía de proximidade postas en marcha por membros do grupo local que o Proxecto ANATOLE ten en Santiago de Compostela. Presentarán as súas experiencias as entidades granxafamiliar.com, Asociación de Produtores Lentura; Mercado de Tarde Lusco e Fusco; Restaurante Garum e a propia Concellaría de Promoción Económica e Turismo.

Os representantes do proxecto ANATOLE tamén terán a oportunidade de visitar na praza de Abastos de Santiago de Compostela distintos proxectos baseados na venda directa e traballo con produto de proximidade como o restaurante Abastos 2.0 e a expendedora de leite fresco do día. Tamén neste encontro pecharase a programación do encontro de terá lugar en Nantes (Francia) no mes de agosto de 2011.

Proxecto ANATOLE
O proxecto ANATOLE (Atlantic Network’s Abilites for Tows to Organise Local Economy), desenvólvese baixo o lema Unha aposta pola competitividade e calidade dos nosos mercados para o desenvolvemento da economía de proximidade. Promovido pola Asociación de Cámaras Agrarias do Arco Atlántico, é unha iniciativa transnacional para promover o intercambio de experiencias, a aprendizaxe intercultural, a formación e a conformación de redes no ámbito do desenvolvemento de mercados de proximidade para o sector primario. En Galicia, o promotor institucional do proxecto é a Concellaría de Promoción Económica e Turismo de Santiago, o operador técnico a asociación ADTERRA, e o territorio de incidencia é o correspondente ao GDR 24 Terras de Compostela, do Programa LEADER.

Financiado polo programa europeo Espazo Atlántico con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), os obxectivos do proxecto ANATOLE son:

• Promocionar a produción local dos territorios rurais periféricos a Santiago, co fin de favorecer a súa comercialización e consumo nos mercados de proximidade.

• Establecer un modelo innovador na organización da economía de proximidade que favoreza un desenvolvemento urbano-rural sustentable, con capacidade de transferencia e aplicación noutros territorios.

• Crear unha rede europea de intercambio de experiencias e creación de novos modelos de organización para unha economía de proximidade con dimensión atlántica.

No Proxecto ANATOLE participan tres modalidades de socios do espazo atlántico europeo: os socios operadores técnicos, as cidades asociadas, e a CAVV (Conférence des Villes de L'Arc Atlantique). O promotor do proxecto é AC3A de Francia (Asociación de Cámaras de Agricultura do Arco Atlántico francés). Os operadores técnicos son a Deputación de Huelva, IMK (Itsasmendikoi), ADTERRA, IERU, Nantes Metropole, Irish Exporters / Weasthmeath, e Community Development. As cidades asociadas son Huelva, San Sebastián, Santiago de Compostela, Aveiro, Nantes, e Dublín.

Para o traballo co entorno local a Concellaría de Promoción Económica e Turismo creou en xuño de 2010 un grupo de traballo local no que participan distintas entidades da área de Compostela: produtores agroalimentarios, grupos de consumo, institucións públicas, restaurantes, etc. Este grupo celebrou no mes de marzo de 2011 a súa cuarta reunión.

Compartir: