PLENO

O Pleno insta á Xunta a dotar dunha nova sede á Escola Oficial de Idiomas

31/03/2011 A Corporación municipal aprobou en Pleno unha moción que reivindica a construción dunha nova sede para a Escola Oficial de Idiomas.

Cos votos favorables das tres formacións políticas, aprobouse unha proposición presentada polo grupo nacionalista instando á Xunta a "dotar á Escola Oficial de Idiomas de Santiago dunha nova sede acorde en tamaño e dotación á demanda existente na cidade e que reúna os requisitos esixidos pola normativa vixente para poder impartir ensinanza de idiomas con garantía de calidade".

A proposta do grupo socialista, engadiuse ao texto a reiteración por parte do Concello de Santiago da "posta a disposición da Xunta de Galicia da parcela de titularidade municipal, sita no SUP 5 do polígono 2 ou se esta non se considerara adecuada, calquera outra das parcelas municipais que reúna os requisitos esixidos para tal fin".

Neste sentido, a representante nacionalista, Elvira Cienfuegos, recordou na súa intervención que "na anterior lexislatura, a Xunta de Galicia acordara co Concello de Santiago unha solución para construír un novo edificio no barrio de Santa Marta. A pesar de ser un compromiso firme tanto o da cesión dunha parcela municipal como o de financiamento autonómico, non houbo unha soa decisión que faga pensar que imos ter unha nova sede da EOI de Santiago o que redunda negativamente na calidade do ensino e na implantación de novos idiomas".

Compartir: