ALCALDÍA

Retrato da Compostela inédita dos anos vinte por Ruth Mathilda Anderson

30/03/2011 Unha nova exposición de Novacaixagalicia reúne preto de medio milleiro de imaxes tomadas pola etnógrafa e fotógrafa norteamericana Ruth Mathilda Anderson en Galicia entre os anos 1924 e 1926. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a mostra, que estará na sede da Fundación Caixa Galicia da rúa do Vilar ata o 5 de xuño.

Ruth Mathilda Anderson. Unha mirada de antano é o título dun ambicioso proxecto que mostra as impresionantes imaxes da Galicia de comezos do pasado século, case todas inéditas ata esta montaxe, procedentes do arquivo de Nova York da investigadora. Os comisarios da exposición, Miguel Anxo Seixas Seoane e Patrick Lenaghan, resolveron un longo proceso que comezou hai máis de cinco anos na sede da Hispanic Society of America, a centenaria institución cultural que enviou a Ruth Mathilda Anderson (1893-1983) a estudar e documentar a sociedade galega da época.

Do total do arquivo (unhas 5.000 imaxes en diferentes soportes e formatos, moitas delas aínda sen revelar ou positivar), ata agora tan só se coñecían as preto de cincocentas fotografías que compoñen Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, o libro editado en 1939 pola Hispanic Society co traballo de Anderson.

Todos os afeccionados á fotografía e, sobre todo, á historia, á antropoloxía e á etnografía, poderán gozar de 447 imaxes, a gran maioría –un 85% aproximadamente– inéditas ata hoxe, que amosan a vida dos galegos na década dos anos vinte do pasado século, e que se agrupan baixo diferentes epígrafes temáticos.

Un meticuloso proceso de documentación e investigación dos comisarios permitiulle á Fundación Caixa Galicia obter información moi valiosa dos diarios do pai da investigadora, así como doutras fontes da época, achegando unha documentación igualmente inédita que se inclúe no catálogo da mostra.

Compartir: