TRANSPORTES

Tussa obtén uns dividendos positivos en 2010 de máis de 109.000 euros

30/03/2011 O Consello de Administración de TUSSA, presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acordou formular as súas contas anuais do exercicio 2010 así como a proposta de distribución do resultado.

Das contas extráense os seguintes datos: un volume de ingresos de 1.685.763,41 euros; un volume de gastos de 1.576.452,58 euros e un resultado despois de impostos de 109.310,83 euros. En canto ao balance, en termos globais de activo e patrimonio neto e pasivo, obtívose unha cifra de 1.044.661,54 euros.

Respecto ás instalacións, cómpre destacar o aparcadoiro de Belvís, a dársena de autocares e o aparcadoiro de Xoán XXIII, cun comportamento excepcional debido, en gran parte, á incidencia do Ano Xacobeo.

En 2010, a empresa acometeu a posta en marcha de tres novos servizos: os aparcadoiros de borde de Santa Marta e Salgueiriños e a xestión do sistema de transporte individualizado de bicicletas, así como a mellora da maioría das súas instalacións.

Este resultado positivo permite afrontar as actividades da sociedade en 2011 sen ningún tipo de mingua na súa calidade.

Compartir: