ALCALDÍA

Santiago de Compostela, no centro da cooperación transfronteiriza e do desenvolvemento urbano sostible

28/02/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou a sede da Conferencia de Redes de Cidades Europea Transfronteirizas (CECICN) e da Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico (Eixoecoloxía), situada na praza de Camilo Díaz Baliño, fronte á estación de Autobuses.

Como presidente da CECICN, Sánchez Bugallo recordou que "a Unión Europea está nun proceso de definición dos seus obxectivos. Entendemos que nos necesita, porque Europa irá adiante se conseguimos que os cidadáns se sintan europeos". Neste sentido, indicou tamén que "os motores que arrastrarán os demais para saír da crise están nas cidades e nos entornos das mesmas, xa que aí é onde se produce a innovación, o desenvolvemento tecnolóxico e as iniciativas empresariais emprendedoras".

Pola súa parte, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, recordou que están pendentes varias reunións de alto nivel para tratar o que xa demandara o propio alcalde como presidente da CECICN, isto é, que os fondos comunitarios de cooperación transfronteiriza para o período 2014-2020 pasen dos 8.500 millóns de euros actuais aos 17.000. "Todo isto xestiónase dende aquí", indicou, referíndose a esta sede permanente, realizada coa colaboración do Concello, o Eixo Atlántico e a Xunta de Galicia, e que representa a máis de 500 cidades europeas transfronteirizas.

Axencia de Ecoloxía Urbana
Sobre a Axencia de Ecoloxía Urbana, trátase da segunda que xorde en Europa, tras a existente e Barcelona, e da primeira con carácter transfronteirizo. "Traballará as claves da sostibilidade para cidades de Galicia e do Norte de Portugal", indicou Vázquez. Nestes mesmos termos pronunciouse o director Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio Sanchiz, destacando tamén que o proxecto DESOURB, presentado ao mesmo tempo, "buscará experiencias para trasladalas á realidade galega".

O alcalde amosouse "encantado de colaborar nestas materias" e afirmou que "hoxe o crecemento está vinculado á calidade e á sostibilidade". "É un motivo de orgullo que o centro de todo iso se sitúe en Santiago", engadiu.

Proxecto Desourb
A visita ás sedes estivo acompañada do lanzamento do proxecto europeo Desourb. Á espera da súa aprobación final, a iniciativa durará ata o 2012 e contará cun orzamento de 1,5 millóns de euros, dos que preto do 75% procederá dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O obxectivo fundamental deste proxecto é definir un modelo innovador de planificación e xestión territorial na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, baseado no desenvolvemento sostible, a monitorización do territorio e a xeración e difusión do coñecemento. Os socios do proxecto son a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Eixo Atlántico.

Entre outros obxectivos, traballarase para realizar un xeoportal que sirva como ferramenta de monitorización de datos territoriais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal baseado no desenvolvemento sostible. Igualmente, crearase unha metodoloxía innovadora para a mellora da planificación territorial e a súa aplicación, co fin de facer extensible o Plan Director de Mobilidade Alternativa que está elaborando a Xunta a toda a Eurorrexión. Outra meta é un portal do coñecemento como ferramenta de difusión e comunicación da sostibilidade territorial na que se publicarán os resultados de Desourb.

Compartir: