ALCALDÍA

Emuvissa desestimará o recurso contra a licitación das obras do polígono industrial de Formarís e do nó de enlace coa N-550

25/02/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou en rolda de prensa que Emuvissa rexeitará o recurso que solicitaba a suspensión do proceso de licitación da urbanización do polígono industrial de Formarís (SUNP-38) e do nó de enlace coa estrada N-550. Indicou que o aprazamento da mesa de contratación destas dúas obras e da de Costa Vella (SUNP-37.3) se realizara unicamente por prudencia, á espera dos informes xurídicos e técnicos.

Tras recordar que os recursos son habituais neste tipo de procedementos, indicou que Emuvissa rexeitará na súa totalidade o recurso, por consideralo "extemporáneo e non sustentado no contido do mesmo". Para Sánchez Bugallo, o recurso "unicamente tiña o obxectivo de demorar a actuación algún tempo".

Explicou que a principal dúbida xurídica xurdida nesta cuestión foi a derivada da recente nova Lei de Contratos, segundo a cal este tipo de conflitos os debe dirimir un órgano autonómico creado para tal fin. Pero ante a inexistencia polo momento deste, había que aclarar se o recurso o debía resolver o Concello ou Emuvissa. Despexada xuridicamente esta incógnita, será a Empresa Municipal de Vivenda e Solo a que desestime o recurso o luns 28, e a Xunta de Goberno ratificará a decisión ao día seguinte.

O recurso expón esencialmente que os proxectos teñen presupostos moi baixos e que esa condición impediu concursar a máis empresas. Ante esta afirmación, o alcalde lembrou que á licitación destas obras presentáronse 51 ofertas, e "entre elas as principais empresas nacionais", cando a media de ofertas en toda a historia de EMUVISSA é de 16 ofertas por concurso e nunca se superou a cifra de 28 ofertantes. No caso de Formarís presentáronse 30 ofertas, a pesar de que as baixas están limitadas ao 15% nos tres proxectos.

Cabe destacar que é a primeira vez que Emuvissa se enfronta a un recurso que lle pide incrementar o prezo dunhas obras, máxime cando esas obras foron pagadas polos propietarios por cotas de urbanización.

Obras nas Cancelas
A propósito doutra superficie en desenvolvemento, a comercial das Cancelas, indicou que tanto a Xunta de Compensación como a promotora xa solicitaron as ofertas para o paso inferior e para rematar as obras do centro comercial, respectivamente. Neste sentido, Sánchez Bugallo agarda que esta última actuación se reanude en breve e a do paso inferior a finais da primavera.

Consolidación da primacía de Lavacolla
O alcalde tamén se referiu na rolda de prensa ao aeroporto de Lavacolla, lembrando que "a opción estratéxica é diversificar destinos, apostar polas compañías que xa están aquí e captar outras novas". Reiterou a súa aspiración a que o aeródromo compostelán "chegue este ano o máis preto posible dos 2,5 millóns de pasaxeiros, consolidando a posición de primacía do aeroporto de Santiago, cada vez a máis distancia doutros aeroportos". Di que isto "vai ser importante para que o conxunto da Comunidade Autónoma visualice que non todos os aeroportos xogan na mesma división".

Compartir: