AUDITORIO DE GALICIA

Hansjörg Schellenberger dirixe á Real Filharmonía de Galicia

31/01/2006 O director alemán Hansjörg Schellenberger dirixe á Real Filharmonía de Galicia no concerto de xoves 2 de febreiro, cun programa centrado en obras de de Carl Phiipp-Emanuel Bach, fillo do célebre Johann Sebastian Bach, e de Franz-Joseph Haydn.

Baixo a batuta de Hansjörg Schellenberger o concerto terá lugar ás 21.00 horas no Auditorio de Galicia , coa interpretación das obras de C. Ph. E. Bach, "Sinfonía nº 3 en Do maior, Woq 182/3" e o "Concerto en Mib maior para óboe, cordas e baixo continuo, Woq 165", e dee Haydn a "Sinfonía nº 31 en Re maior "A chamada de trompa".

O propio director, oboísta de prestixio internacional, actuará como solista na segunda das pezas de Bach.

Hansjörg Schellenberger
Á idade de 13 anos comezou a tocar o óboe. Ao rematar os seus estudos en 1967, e animado polo primeiro premio conseguido nunha competición xuvenil en Alemaña en 1965 e polo premio ao mellor director de orquestra do Interlochen Music Camp en Estados Unidos, que obtivo con 17 anos, comezou a estudar óboe, dirección de orquestra e matemáticas en Munich e en Detmold.

Tras gañar algúns concursos musicais, empezou a súa carreira profesional coa WDR Symphony Orchestra Cologne (Alemaña) en 1971, sendo nomeado primeiro óboe en xaneiro de 1980.

Ten renome mundial como oboísta desde hai moitos anos e colaborou con directores de gran prestixio como Herbert von Karajan, Carlo María Giulini, Claudio Abbado, Riccardo Muti e James Levine entre outros.

As súas actividades de música de cámara céntranse no Ensemble Wien-Berlin (primeiro óboe das Filharmónicas de Viena e Berlín). Fundou a Haydn-Ensemble Berlin, da que é director artístico e coa que desde 1991 interpreta a música que compuxo Haydn na súa primeira época e a dos seus contemporáneos cos instrumentos que formaron parte nun primeiro momento da Haydn’s Estherhazy Orchestra. Os músicos adoitan ser membros da Filharmónica de Berlín.

En 1994 empezou a súa carreira de director de orquestra, que o levou rapidamente a colaborar con importantes formacións: Jerusalem Symphony, Orquestra do Maggio Musicale Fiorentino e Orquesta de la Comunidad de Madrid, por citar só algunhas.

Desde os seus inicios mantivo unha estreita relación con algúns compositores contemporáneos, polo que desenvolveu unha gran paixón pola música actual, que lle gusta incluír nos seus programas.

Compartir: