ALCALDÍA

O Obradoiro brinda a Copa Príncipe á comprometida afección compostelá

31/01/2011 Os xogadores, adestradores e directivos do Blu:sens Monbus foron recibidos en Raxoi polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, tras o seu triunfo na Copa Príncipe de Baloncesto. O equipo compostelán impúxose ao CB Murcia por 81-78.

Tanto presidente do Obradoiro, Raúl López, coma o alcalde, tiveron palabras de agradecemento á afección compostelá, que esta vez tamén encheu o Multiúsos Fontes do Sar. Sánchez Bugallo destacou o "calor" e "apoio permanente" dos seareiros, especialmente nos momentos de dificultade nos que máis o precisa o equipo.

O alcalde amosouse "orgulloso" do cadro técnico e dos xogadores polo seu "esforzo e resultados" e expresou a gratitude da cidade aos empresarios que se fixeron cargo do equipo tras o seu descenso da ACB. O capítulo de agradecementos pechouno Raúl López recordando a institucións e empresas colaboradoras.

No que tamén coincidiron tanto o alcalde coma o presidente do club foi en cualificar a Copa Príncipe coma un estímulo para seguir traballando no obxectivo prioritario da temporada, o ascenso á Liga ACB. Ese será "o triunfo definitivo", en palabras de Sánchez Bugallo.

Compartir: