ALCALDÍA

Santiago gaña dúas novas avenidas urbanas que melloran a calidade de vida dos veciños

29/01/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, inauguraron as obras de reurbanización realizadas no tramo Galeras-Salvadas Vista Alegre e na avenida de Castelao, dúas actuacións que o alcalde cualificou como "exemplares" e dunha "calidade extraordinaria".

No acto inaugural, no que se percorreron os dous tramos, Sánchez Bugallo, expresou a súa satisfacción por "inaugurar unha gran obra ben feita, que mellora a calidade de vida dos veciños e a imaxe da cidade". Tivo palabras de agradecemento ao conselleiro por manter os covenios que fixeron posibles estas actuacións, ás construtoras e aos veciños, nos que sempre, malia as molestias causadas, sempre atopou "colaboración plena e absoluta".

Recordou o alcalde que o denominado convenio de travesías asinado coa Consellería de Medio Ambiente tiña un montante global de 17 millóns de euros e contiña dous puntos: por un lado, a posta a disposición municipal de vías de titularidade autonómica como Virxe da Cerca ou Sar e, por outro, a reurbanización dos entornos. Deste último punto quedan pendentes a reurbanización da continuación ata o Romaño e da avenida das Fontiñas, obras que o acalde agara que se poidan acometer en 2012.

Tampouco se esqueceu Sánchez Bugallo do convenio asinado polo Concello co IGVS e que afecta ao Casco Histórico, por máis de catro millóns de euros. Deste proxecto de intervención en espazos singulares só queda unha obra por rematar, a de San Clemente, que estará lista nas vindeiras semanas, segundo anunciou.

Pola súa parte, Agustín Hernández, destacou a importancia das obras realizadas nestes dous tramos, que supoñen mellorar aspectos como a pavimentación, a eliminación de barreiras, o acondicionamento das beiarrúas ou incorporar novos servizos a estas rúas. Referiuse ao significado que Santiago ten dentro de Galicia para indicar que "contribuíndo a mellorar a cidade facemos unha Galicia mellor".

Galeras, Salvadas e Vista Alegre
As obras incluídas no proxecto de reurbanización do tramo comprendido polas rúas Galeras, Salvadas e Vista Alegre contaron cun orzamento de máis de cinco millóns de euros. Afectaron a un tramo de 1.220 metros, cunha superficie total de 29.000 metros cadrados.

Un dos principais obxectivos desta actuación foi harmonizar distintos modelos de seccións e materiais e as diferenzas de rasantes existentes para darlle á rúa o aspecto dun boulevard urbano, cunha calidade acorde coa singularidade da zona.

A ampliación das beirarrúas foi outro aspecto especialmente importante para tramos nos que non existían ou eran especialmente estreitas. É o caso do tramo que discorre a carón do edificio das Casa das Máquinas, futuro Centro de Interpretación Ánxel Casal, que agora ten unha beirarrúa de aproximadamente 2,30 metros. Tamén en Entrerríos se gañou unha beirarrúa de 1,80 metros.

No futuro, cando se concrete o convenio con Fenosa para a cesión dos edificios contiguos á Casa das Máquinas, a solución será que esta poida ser atravesada a pé tanto por un lado, coa nova beirarrúa, como polo outro, xa que se alí se construirá unha praza pública.

Reordenación viaria e tratamento singular
No primeiro tramo da obra, a partir do Campo das Hortas, solucionouse o problema das diferentes rasantes e mantivéronse os tres carrís de circulación. No seguinte tramo, un dos aspectos máis chamativos é a mediana arborada que divide os carrís de circulación. E xa en Santa Isabel, a carón das instalacións deportivas, a praza converteuse nun espazo arborado. Nesta parte, de acordo con este carácter diferenciado, o asfaltado convencional dos carrís de circulación deixou paso ao formigón.

Avanzando cara Vista Alegre, tamén se solucionaron os problemas de rasantes que se daban na confluencia das rúas Salvadas e Vista Alegre. Finalmente, no resto do tramo, ata a rúa de Castelao, con menos complexidade técnica, gañouse en amplitude e visibilidade. Aquí destaca o novo aspecto da praza de Vista Alegre, integrando o camiño de Lermo, a fonte e o cruceiro nun espazo tamén con bastante arborado.

Tres prazas
Outros elementos singulares son as prazas. Así, na de Santa Isabel, a carón do pavillón, incorporouse un amplo espazo de acceso ás instalacións deportivas ata as edificacións da corredoira do Morón. Recompuxéronse as trazas reticuladas do antigo cuartel e plantáronse árbores para a súa integración na rede de espazos libres do oeste da cidade, dende o parque do Auditorio e a finca Vista Alegre ata o parque de Santa Isabel.

Na rúa das Salvadas, acometeuse outra praciña, urbanizando as dúas terrazas que conforman este espazo e estendendo o tratamento pétreo. Finalmente, na praza existente antes de chegar ao cruce coa avenida de Castelao renovouse a pavimentación con lousado de granito, estendendo o espazo ata integrar o Camiño de Lermo e integrando a fonte e o cruceiro existentes.

Avenida de Castelao
As obras de reurbanización da avenida de Castelao afectaron a un ámbito de 1.200 metros de longo e tiveron un custo de 2.254.419 euros máis IVE. A nova avenida conta con nove pasos peonís, en zonas de visibilidade e aproximadamente cada 150 metros. En canto á circulación de vehículos, destaca a creación dun segundo carril de subida no tramo final da rúa, en dirección San Caetano, que facilita o acceso ás distintas rúas da esquerda sen entorpecer o tráfico de subida. O vieiro de circulación ten un ancho de 3,5 metros. Tamén se creou unha nova rotonda no cruce da avenida coas rúas Gumersindo Busto Villanueva e Burgo das Nacións (xunto á Escola de Idiomas), que nestes poucos meses de funcionamento xa demostrou a súa eficacia á hora de alixeirar o tráfico desa zona.

Outro aspecto que mellorou substancialmente é o relativo ás paradas do autobús urbano, que antes recollía aos pasaxeiros na propia calzada e que agora o fai nas nove paradas de autobús que se habilitaron. Isto obrigou a reducir nun número pequeno as prazas de aparcamento. En total, quedaron unhas 145 prazas de estacionamento en batería e outras 48 en liña.

Iluminación renovada e máis servizos
As obras supuxeron a creación de 9.655 metros cadrados de beirarrúas, con anchos mínimos de 1,80 metros e un ancho medio de 4 metros. Os peóns que paseen por elas atoparanse tamén cunha nova iluminación, semellante á existente nas rúas Berlín e Londres, en Fontiñas, con farois más altos para a calzada e máis baixos para as beirarrúas. Dos 61 puntos de luz que había pasouse a 96.

A reurbanización supuxo tamén a instalación de cinco illas de contedores soterrados, a renovación das redes de saneamento e abastecemento e o soterramento de cables. Respecto ao mobiliario e á xardinería, colocáronse 36 bancos, 19 papeleiras e 52 árbores, en concreto 40 ciroleiras de xardín e 12 ligustros de Xapón.

A obra executouse en dúas fases, primeiro un lado da avenida e logo o outro. Deste xeito estivo habilitado sempre un carril, para permitir o acceso a algunhas rúas ás que só se pode acceder dende a avenida de Castelao.

Compartir: