ALCALDÍA

Sánchez Bugallo confía no compromiso dos axentes sociais para pechar o voo a Bruxelas

28/01/2011 O luns 31, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, confía en poder darlle unha resposta á compañía Ryanair sobre a oferta dunha conexión con Bruxelas. Para iso, dixo confiar na "implicación dos axentes sociais" para facer fronte ao 25% do custo desta liña. Neste sentido, durante a rolda de prensa semanal, o alcalde recibiu a confirmación da Asociación de Hostalería da súa disposición a achegar 50.000 euros.

Sánchez Bugallo indicou que Ryanair demandou 350.000 euros por unha conexión con Bruxelas que tería tres voos semanais en cada sentido e que comezaría a operar a finais de abril ou principios de maio. O compromiso para esta liña sería por catro anos, sen renunciar tampouco a negociar no futuro outras conexións internacionais.

Agardaba o alcalde recibir durante a fin de semana a resposta dos axentes sociais para así poder dar unha resposta a Ryanair o luns 31, pero xa este venres quedou confirmada a achega de 50.000 euros dos hostaleiros. "Ao resto de entidades pedirémoslle unha pequena contribución", completando así o 25% do custo da conexión, se ben indicou que "o Concello estaría mesmo disposto a asumir a diferenza".

Tamén en relación a este tema e á carta que lle enviou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, queixándose por esta negociación, Sánchez Bugallo indicou que "non se nos pode pedir que nós quedemos quietos cando os demais se moven; nin se nos pode pedir que non negociemos por Bruxelas cando outros pagan unha conexión con Londres e pretenden ter outra a Frankfurt". En calquera caso, indicou, de producirse as duplicidades, estas "permitirán facer comparacións moi interesantes".

Obras rematadas, en marcha e pendentes
O alcalde tamén falou na súa rolda de prensa de diversas obras na cidade. En canto ás acabadas, mañá sábado inauguraranse as realizadas no tramo Galeras-Salvadas-Vista Alegre e na avenida de Castelao. En total son 3,3 quilómetros nos que se realizaron unhas obras que definiu como "exemplares" e dunha "calidade extraordinaria", nas que se "cumpriron os prazos establecidos".

Agradeceu a colaboración dos cidadáns polas molestias causadas por estas obras e recordou o acerto de telas realizado este ano, á vista da conxuntura económica. Neste sentido, indicou que a Xunta asumiu o 60% do custo da obra e o Concello o resto, se ben "foi o Concello o que xestionou toda a obra".

Outra obra case rematada é a da nova escola infantil de Tras Parlamento, que será visitada na semana entrante. Esta será a quinta escola infantil pública da cidade e o alcalde amosouse orgulloso de que as cinco se tiveran construído durante o seu mandato.

A seguinte en construírse, neste 2011, será a escola de Salgueiriños, rematada a cal "Santiago cubrirá, incluso con certo exceso, a cota establecida pola Unión Europea de que estean en escolas infantís o 30% dos nenos entre 0 e 3 anos".

Xa sobre obras futuras, indicou que xa se pechou a presentación de ofertas para o nó de enlace da estrada N-550 cos novos polígonos industriais de Formarís, Costa Vella e Sionlla. 21 grupos de empresas concorreron a esta convocatoria. O 12 de febreiro pecharase o prazo de presentación de plicas para a urbanización dos dous primeiros polígonos citados.

Sánchez Bugallo tamén expresou a súa satisfacción pola "magnífica solución" que constitúe o paso inferior do Camiño Francés, presentado esta semana. Lembrou que será a Xunta de Compensación a que pagará integramente a obra, que se estima poida comezar antes do verán. En paralelo estará en marcha a obra do centro comercial, que estimou que se retomará no mes de febreiro.

Instituto de Ciencias do Patrimonio
Outra infraestrutura impulsada durante a semana foi o Instituto de Ciencias do Patrimonio que se construirá nas Brañas de Sar. Escollido polo xurado o proxecto e os arquitectos, estes deberán presentar o proxecto de execución antes do verán, en palabras do alcalde. En paralelo, o Concello resolverá as preto de 50 alegacións formuladas ao Plan Especial de Brañas de Sar, co fin de levar o documento ao Pleno en marzo. Poderíase entón xa conceder a licenza.

Sobre o edificio, gabou a súa "singularidade" e recordou que o Instituto será o único edificio que se levantará nas Brañas do Sar, un espazo de máis de 30 hectáreas que "vai servir tamén para integrar a Cidade da Cultura na cidade".

Conexión da Cidade da Cultura coa autopista
O rexedor municipal volveu a referirse tamén á conexión da autopista AP-9 coa Cidade da Cultura, para anunciar que está prevista unha reunión do secretario de Estado de Infraestruturas do Ministerio de Fomento co conselleiro de Medio Ambiente. Dixo ser coñecedor da orde expresa do ministro, José Blanco, para que os enxeñeiros de Fomento estuden esta conexión. "Sabendo da dispoñibilidade positiva do Ministerio, agardo que entre todos haxa a sensibilidade suficiente como para sacar este tema adiante", afirmou.

Listas de espera
Sobre as listas de espera cirúrxica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Sánchez Bugallo dixo que reflicten "certa mellora" respecto dos datos presentados o 30 de setembro, se ben tomando como referencia os datos do 31 de marzo de 2009, "a mellora non existe". En todo caso, constata que "se está a empezando a corrixir a curva negativa dos últimos 18 meses" e agarda que os indicadores poidan ira achegándose aos de marzo de 2009.

O tempo medio de espera para unha intervención cirúrxica a 31 de decembro de 2010 situábase no CHUS en 73,2 días. A 31 de marzo de 2009, esa espera era de 57 días.

Demanda dunha nova residencia para a terceira idade
A propósito do anuncio da Xunta de non construír ningunha nova residencia da terceira idade en Santiago, o alcalde demandou que se acometa un cuarto xeriátrico público, coma os existentes en Pontepedriña e Conxo (o outro, sufragado pola Fundación de José Otero e a súa dona, abrirase en breve). Para tal fin, o Concello xa ten previsto reservar 5.000 metros dunha parcela situada a carón do Conservatorio Profesional de Música. Os outros 2.000 metros da mesma destinaranse á ampliación desta última entidade.

Defensa da Cámara de Comercio
Finalmente, o alcalde referiuse á nova normativa que regulará o pago das cotas das cámaras de comercio e pediu que se revise, porque estima que as pode poñer en perigo. En concreto, defendeu a Cámara de Comercio de Santiago como unha "institución moi útil e, de desaparecer, sería unha perda moi grande".

Compartir: