OFRENDA AO APÓSTOLO

Núñez Feijóo salienta na súa ofrenda ao Apóstolo os máis de nove millóns de visitantes deste Xacobeo 2010

30/12/2010 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo realizou por segundo ano consecutivo a tradicional Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago coa que se conmemora a translación dos seus restos. O delegado rexio destacou o éxito de visitantes do Ano Santo 2010 e da presenza do Papa Bieito XVI, e pediu ao Santo axuda para superar a crise económica.

Núñez Feijóo agradeceulle ao Apóstolo o "milagre" de ter recibido en 2010 "máis visitantes que nunca", cifrando o balance final en máis de nove millóns de persoas. E para o 2011, recordou a celebración do 800 aniversario da consagración da Catedral. "Malia o peche da súa Porta Santa, os Camiños de Santiago que a ela conducen permanecerán abertos con todo o patrimonio natural, cultural e humano que os percorren", indicou.

Tras recordar a visita de Bieito XVI, apuntou que "o pobo galego nunca esquecerá este Ano Santo; recordarao sempre coma estímulo e exemplo de que é capaz de organizarse, unirse e animarse na dificultade para alcanzar las metas que se propón". Na súa opinión, o Xacobeo 2010 "forma parte de eses feitos que ao longo da nosa historia foron construíndo a nosa autoestima colectiva".

"Entre todos conseguímolo", indicou Núñez Feijóo, agradecendo o esforzo de cooperación, na súa posterior recepción no Concello. Por iso, amosou o seu "orgullo" por que este 2010 fora "o mellor Ano Santo da nosa historia", un ano no que "Santiago foi a porta de Galicia no mundo".

Xa cara o futuro, tamén en Raxoi, indicou que "dende xa comezamos a traballar cara o Xacobeo 2020". E nun plano máis inmediato, anunciou a presenza dos Príncipes de Asturias na apertura dos dous primeiros edificios da Cidade da Cultura, chamada a converterse nunha "icona da cultura europea" e na "Catedral do século XXI".

Axuda fronte a crise económica
No esqueceu o oferente que España e Galicia "viven hoxe uns tempos moi duros", cun especial recordo aos que se enfrontan "a ese drama social, pero sobre todo persoal, que é o paro". Por iso, pediu ao Apóstolo que "nos obsequies a todos os que temos a responsabilidade de gobernar en Galicia, España e Europa cos ventos que nos empurren cara a recuperación económica; que nos agasalles cos folgos e sabedoría necesarios para esquivar os ataques desta crise; para sortear os escollos que abren perigosas vías de auga no noso sistema de protección social e benestar; e que nos axudes a chegar a bo porto a pesares das negras simas das ondas económicas que nos ameazan coa zozobra". Neste sentido, o titula da Xunta puxo o Camiño de Santiago e os seus peregrinos como exemplo de superación.

Nesta Ofrenda da Traslación participaron, entre outros, ademais do presidente da Xunta e do alcalde compostelán, o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro; os membros da Corporación municipal e os conselleiros do Goberno galego, ademais doutras autoridades civís e militares.

Unha tradición de séculos
A cerimonia da Translación celébrase anualmente o 30 de decembro en recordo do traslado dos restos do Apóstolo Santiago desde o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no peirao de Iria Flavia (Padrón). Segundo a tradición, a Raíña Lupa, soberana das terras, enviou tropas en persecución da comitiva apostólica, que foi salvada por un milagre que afogou aos perseguidores nas augas do río Tambre.

A Raíña Lupa quedou tan abraiada por este feito que ofreceu a súa axuda aos discípulos para que puideran soterrar os restos do Apóstolo, que son trasladados nun carro tirado por bois que ao azar buscan o lugar para o repouso do fillo de Zebedeo. Tras deterse (sempre segundo a lenda) na fonte da actual rúa do Franco, os bois continúan o seu camiño ata quedar inmóbiles no lugar que dende aquela se denomina Libredón (Liberum domum, regalo libre), onde é soterrado e pasa ao esquecemento o Apóstolo ata o seu posterior descubrimento no ano 813 por un eremita.

O rei Alfonso VI realizou no ano 1109 a primeira ofrenda da Translación, entregando unha ducia de talentos de ouro e outra de marcos de prata. En 1642, baixo o reinado de Felipe IV esta cerimonia institucionalízase con carácter definitivo. Desde entón actúa como oferente o Rei ou un delegado rexio.

Compartir: