XUNTA DE GOBERNO

O Urbana convoca 19 prazas de traballo

28/12/2010 A Xunta de Goberno aprobou as bases para a convocatoria de 19 prazas de traballo, no marco da iniciativa Urbana Santiago Norte.

Das 19 prazas convocadas, 17 son de oficias de 3ª e dúas de responsables de equipo: un de albanelería e outro de xardinería. Os seleccionados para estas prazas recibirán formación previa a través dun obradoiro de emprego.

O obxectivo desta convocatoria, que se une a outras anteriores, é diminuír o nivel de desemprego na zona de actuación Santiago Norte, con atención especial aos colectivos con máis dificultades de acceso ao mercado de traballo. Ofreceráselle aos desempregados da área a experiencia laboral e cualificación a través da execución de obras no seu propio entorno social.

Praza de Abastos
Na reunión do Goberno local tamén se aprobou a addenda ao convenio de colaboración entre o Concello, o Ministerio de Vivenda e a Consellería de Economía e Facenda para a remodelación da Praza de Abastos. O engadido refírese á variación do tipo de IVE, cun incremento do 2%, así como a reestruturación ministerial.

Solucionado este aspecto, a voceira da Xunta de Goberno, Socorro García Conde, expresou a súa confianza en que este proxecto se poida licitar ao fin. Cómpre lembrar que as achegas municipais para este proxecto son de 376.815 (2011), 508.076 (2012) e 533.507 euros (2013). Así se aprobou na sesión celebrada o 30 de novembro.

Rexistro de solares
No ámbito de Urbanismo, ditouse orde de inclusión no Rexistro municipal de solares e edificacións que cómpre rehabilitar dos seguintes inmobles: rúa da Angustia, 6; rúa do Pombal, 10, travesa de San Pedro, 6; e calzada do Carme de Abaixo, 13. Notificaráselles esta orde aos propietarios e darase traslado do acordado á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Unha vez sexa firme a resolución en vía administrativa, remitirase a mesma ao Rexistro da Propiedade.

Penalizacións
Varios acordos da Xunta de Goberno tiñan que ver con ampliación de prazos de obras ou con penalizacións por retrasos. Así, no caso das obras de reurbanización da rúa Campo das Hortas, estimouse parcialmente o recurso interposto pola adxudicataria. Finalmente, a demora imputable ao contratista fíxase en 26 días naturais, cunha penalización de 2.431 euros.

No caso das obras na rúa Torreira, no Romaño, incluídas nos FES 2010, aprobouse a ampliación do prazo de execución ata o 19 de febreiro. De resultas do proxecto modificado, determínase que sexa a adxudicataria do contrato principal a que execute as obras a maiores, que supoñen un incremento de 42.567 euros respecto do importe inicial de adxudicación.

Finalmente, autorizouse a prórroga ata o 30 de xaneiro das obras de reurbanización de San Clemente (2º tramo da rúa Raxoi). Tamén se permite o abono a conta do 75% das provisións de materiais solicitados pola adxudicataria para a execución da devandita actuación, que ascende a 107.896,97 euros máis IVE.

Compartir: