PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Boa acollida dos composteláns a un Nadal Solidario que reuniu xoguetes, alimentos e 4.000 euros para entidades solidarias

28/12/2010 A segunda edición do Nadal Solidario contou de novo coa participación solidaria de centos de composteláns, que se achegaron ata a Casa das Asociacións de Cornes para deixar xoguetes e alimentos non perecedoiros ou para participar no rastrillo alí organizado. Neste participaron 16 comercios e 12 entidades da cidade. Entre este mercado solidario e as doazóns directas recadáronse 4.000 euros en metálico.

Numerosos composteláns atenderon á convocatoria do Nadal Solidario, celebrado os días 18 e 19 de decembro, e deixaron centos de xoguetes na Casa das Asociacións. Logo foron repartidos a Cáritas, varias asociacións de inmigrantes e aos 40 nenos e nenas hospitalizados no Clínico.

Tamén se recolleron moitos quilos de alimentos non perecedoiros e aceite. Neste caso, o reparto realizouse entre a Cociña Económica, Cáritas e o Albergue de Xoán XXIII. Finalmente, os 4.000 euros recadados repartíronse entre o Cottolengo, a Cociña Económica e Cáritas.

Compartir: