ALCALDÍA

O alcalde pediralle ao comisario de Política Rexional da UE que se dupliquen os Feder para atender os territorios de fronteira

30/11/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, manterá mañá unha intensa axenda política en Bruxelas, como presidente da Rede de Cidades Europeas Transfronteirizas e Interrexionais (CECICN).

A Comisión Executiva da Rede de Cidades Europeas Transfronteirizas e Interrexionais (CECICN, nas súas siglas en inglés), co seu presidente á cabeza, o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, reuniranse mañá, 1 de decembro en Bruxelas, co comisario de Política Rexional, Johannes Hahn. Na xuntanza, os dirixentes da CECICN exporán a súa postura sobre o reparto dos fondos europeos no período 2014-20 para os territorios de fronteira, onde se asenta cerca do 38% da poboación da UE.

O presidente da CECICN e alcalde de Santiago manterá a necesidade de incrementar os Fondos Feder ata duplicar os actuais 8.500 millóns de euros da anterior programación, para promover o desenvolvemento económico e favorecer a saída da crise, ademais de atender as necesidades das cidades e territorios de fronteira, convertendo o elemento fronteira nunha vantaxe competitiva e non nun hándicap.

A xornada de traballo incluirá una reunión coa presidenta do Comité das Rexións da UE, Mercedes Bresso, e a celebración da comisión executiva da Rede de Cidades, CECICN, na sede da Fundación Galicia-Europa da capital comunitaria.

Sánchez Bugallo será un dos primeiros políticos galegos en reunirse cun comisario europeo, xa que as súas axendas inclúen escasísimas xuntanzas que non sexan con representantes dos estados membros.

Máis de 500 cidades da fronteira
A CECINC, que representan a máis de 500 cidades da Europa Comunitaria situadas en espazos de fronteira na UE, foi constituída no mes de marzo en Santiago de Compostela e naceu co obxectivo de constituírse como interlocutor recoñecido da Comisión Europea en temas de cooperación territorial nun momento clave: o inicio das negociacións do orzamento comunitario e as prioridades da política rexional da UE 2014-20.

A Comisión Executiva da Conferencia esta integrada polos presidentes das seis redes de cidades de Europa que traballan a cooperación transfronteiriza e na defensa dos seus respectivos intereses rexionais. En concreto, as redes que integran CECICN son:

Misión Operacional Transfronteiriza (MOT), que actúa en todas as fronteiras de Francia.
Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), recentemente participada polo Eixo Atlántico, ten en toda a fronteira hispano-lusa o seu ámbito de actuación.
Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA), con presenza en todo o Espazo Atlántico.
Foro de Cidades do Adriático e Xónicas, con base en Roma, conta con representantes das principais cidades do Adriático e da Península de Ionnina.
Medcities, que abarca toda a conca mediterránea.
Unión de Cidades Bálticas, con presenza nos principais países da rexión báltica.

A entidade constituíuse, na práctica, como un gran lobby de cidades de territorios de fronteira.

Compartir: