XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as novas tarifas de taxi para 2011

30/11/2010 A Xunta de Goberno aprobou as novas tarifas de auto-taxi para 2011. A tarifa mínima por quilómetro percorrido durante o día queda en 0,89 euros, quedando a baixada de bandeira en 3,40 euros. A suba media das tarifas é dun 2,19%.

O prezo por quilómetro percorrido en horario nocturno será de 1,34 euros, mentres que nos festivos o custo será de 1,11 euros. Se a percepción mínima polo día é de 3,40 euros, a da noite é de 4,75 euros e a dos festivos 4,05 euros. A hora de espera nestes tres casos custará 18, 26,85 ou 22,30 euros, respectivamente.

Á hora de aplicar estas tarifas, cómpre lembrar que a percepción mínima inclúe a combinación de cinco minutos de espera ou un percorrido de 1.700 metros. A tarifa de festivos aplicarase a partir das 15:00 horas dos sábados. Ademais, os días 1 de xaneiro, 25 de xullo e 25 de decembro aplicarase a tarifa nocturna.

O tarifa fixa do servizo ao aeroporto sitúase agora nos 20 euros. En canto aos suplementos, establécese un de 0,50 euros por maleta ou vulto, e de 3,10 euros por bicicletas ou reserva do servizo. Ningún destes suplementos será cobrado cando se estea aplicando a tarifa nocturna.

Infraestruturas
Na sesión aprobouse tamén a redacción dun proxecto modificado das obras de renovación das redes de saneamento e de iluminación da rúa Torreira, no Romaño e a solicitude duna prórroga do prazo de execución ata o 19 de febreiro de 2011. O modificado supón un incremento respecto ao proxecto principal de 56.545,euros.

Ademais, autorizouse a ampliación do prazo das obras nas redes de auga, saneamento, alumeado público e lixo da rúa Arzúa (Almáciga), incluída no FES 2010. O prazo prolóngase ata o 3 de decembro. Igualmente incluída nos FES 2010, a ampliación da rede de abastecemento da Susana e Marrozos prolongouse no tempo debido ao retraso nunha autorización que debía outorgar a Xunta de Galicia. Por isto, solicítase a prórroga do prazo de execución ata o 17 de xuño de 2011.

Circulación Viaria
En materia de Circulación Viaria, adxudicouse definitivamente o contrato do servizo de mantemento, conservación e nova instalación de sinalización horizontal e vertical do termo municipal, por importe de 224.775 euros. A proposta da concelleira desta área, tamén se aprobou por un período de 25 días, ata o 15 de decembro, o prazo de execución dos traballos do peche do casco histórico por sistema de lector de matrículas, incluído no FES 2010.

Compartir: