ALCALDÍA

Apertura ao tráfico da Choupana e Galeras

30/11/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou as obras de reurbanización de Galeras e A Choupana. A primeira das vías abrirá ao tráfico nos dous sentidos o sábado 4 de decembro, mentres que pola segunda xa circulan os vehículos con normalidade a dende a mañá do mércores 1.

Entre estas dous accesos á cidade e o xa rematado da avenida de Castelao, foron 4,5 quilómetros de vías os que se reurbanizaron con cargo ao chamado convenio de travesías. En virtude do mesmo, lembrou o alcalde, investíronse nestas tres obras 12 millóns de euros, dos que a Xunta achegou sete e cinco o Concello.

Destacou Sánchez Bugallo que a obra de Rosalía de Castro-Choupana-Santa Marta Volta do Castro remata en prazo, mentres que a de Galeras-Salvadas-Vista Alegre se vai terminar mesmo antes de prazo. Esta última está "basicamente rematada", indicou, polo que se abre ao tráfico o sábado 4 de decembro.

Unicamente quedan pendentes algúns traballos nas conexións laterais e os remates das prazas, especialmente no entorno de Santa Isabel e Entrerríos. Nestes puntos, os obreiros seguirán traballando ata mediados de mes.

Polo que se refire á Choupana, "só quedan algúns pequenos remates", apuntou Sánchez Bugallo. Salientou a "transformación radical" que se deu nesta vía, de 1,2 quilómetros de longo. Como resultado das melloras na adxudicación inicial, pero tamén das modificacións posteriores, o investimento final foi de 3,3 millóns de euros, en todo caso inferior ao licitado.

Tamén se referiu ás dificultades desta obra, sobre todo no relativo ás diferentes rasantes, motivadas por "edificacións non axustada ao Plan actual" e que datan mesmo de cando este vieiro era parte da N-550 entre Santiago e Vigo.

Compartir: