CONSORCIO

O Auditorio de Galicia acolle a posta en escena da ópera "A voz humana", de Poulenc

29/11/2010 O seguinte concerto de abono da Real Filharmonía no Auditorio de Galicia (xoves 2 de decembro, ás 21:00 horas) inclúe dúas iniciativas orixinais e diversas: dunha parte a estrea absoluta de Tropos. Concerto para violín e orquestra, escrita polo compositor galego Octavio Vázquez, e doutra a posta en escena da ópera de Poulenc A voz humana.

A voz humana, escrita por Francis Poulenc en 1958 sobre o texto dramatúrxico de Jean Cocteau, é unha ópera concibida para unha soa actriz, nesta caso a soprano Marisol Montalvo. Para a ocasión, encargóuselle a Ana Vallés a dirección de escena. Vallés, fundadora de Matarile Teatro e unha das máis recoñecidas directoras teatrais de Galicia, preparou unha escenografía orixinal para a ocasión.

Esta ópera é unha traxedia lírica cuxo orixinal teatral foi escrito por Jean Cocteau en 1930. A súa fama foi tal que o cineasta italiano Roberto Rossellini a converteu en curtametraxe con Anna Magnani como protagonista. Máis tarde, Poulenc poñeríalle música. Foi estreada en 1959 en París co propio Cocteau como director de escena. A obra presenta a unha muller que fala por teléfono co amante que a acaba de deixar por outra muller.

Trátase dun auténtico monólogo cheo de sobresaltos que acompañan ao estado de ánimo da cantante. Neste sentido, o traballo da soprano solista é enorme e cargado de significación. O traballo conxunto entre a soprano, Marisol Montalvo, e a directora de escena, Ana Vallés, xa comezou hai uns días, e, a partir desta xornada, os ensaios xa son coa Real Filharmonía e a escenografía ao completo.

Charla-coloquio
Como actividade complementaria e paralela ao concerto deste xoves, a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago organizou unha conferencia a cargo do crítico musical Julio Andrade Malde sobre esta obra de Poulenc. Será o martes 30 de novembro ás 20:00 horas, no Centro Social Caixanova.

Estrea de Tropos, de Octavio Vázquez
O concerto do xoves no Auditorio de Galicia tamén suporá a oportunidade de escoitar a estrea absoluta de Tropos. Concerto para violín e orquestra. A obra foi composta por Octavio Vázquez por encargo de Xacobeo Classics, no marco da súa programación para este Ano Santo. Octavio Vázquez (Santiago de Compostela, 1972) reside dende 1999 en Nova York, onde ademais de dedicarse á composición desempeña o posto de director musical da United Moravian Church e traballa na ONG Guernica Project Inc, enfocada á cooperación internacional a través das artes e a música, da que é fundador.

Tropos, cuxo un dos significados é "camiño" en grego, pretende ser, en palabras do compositor, "unha peregrinación ou ascensión por diversos estados psicolóxicos, ao longo do cal os temas resólvense ou transmutan en material máis diáfano". A peza inclúe sons de fragmentos sacado do Códice Calixtino.

O concerto estará dirixido por Santiago Serrate, antigo alumno e director asistente de Antoni Ros Marbà e unha das grandes promesas da dirección en España. Como solista ao violín actuará o francés Amaury Coeytaux.

Compartir: